Máis de trinta barcos do cerco descargan máis de 100.000 quilos de bocarte na Coruña
De noite atoparon un gran banco de bocarte fronte ás costas de Ferrol
O porto da Coruña amosaba hoxe unha imaxe non habitual. Máis de 30 barcos do cerco de toda Galicia colapsaron a lonxa. De noite, atoparon un gran banco de bocarte fronte ás costas de Ferrol e amoreábanse no peirao coruñés para descargar.
Os primeiros arrimáronse á lonxa. Os outros esperaban no medio da dársena. Saían uns e entraban outros para descargar. Atoparon ese gran banco de bocarte ao oeste da costa de Ferrol. Moitos barcos que andan á sardiña cambiaron o rumbo e foron coller o bocarte. Todos colleron o tope máximo permitido por día.
Á lonxa da Coruña chegaron hoxe máis de cen mil quilos de bocarte. Despois da descarga, os barcos amoreábanse na outra beira da dársena para coller xeo. Á noitiña volverán saír ao mar na busca doutro gran banco de peixe.