Varios concellos ourensáns sofren restricións pola seca
É unha medida usual, pero que non se adoita tomar no mes de maio
A falta de chuvia obriga algúns concellos a tomar medidas para previr as consecuencias da seca. Non é algo inusual durante o verán, pero si que teñan que adiantalo ao mes de maio.
En Parada de Sil por exemplo, o concello emitiu esta semana un bando no que se prohibe utilizar a auga da traída para lavar os coches, encher piscinas, regar hortas, xardíns ou explotacións agrícolas.
"Facer un uso razoable, como temos que facer todos. A auga potable é un ben de todos, e tratemos que chegue a auga potable a todos os veciños", di Aquilino Domínguez, alcalde de Parada de Sil.
O recordatorio semella chegar algo cedo de máis este ano, pero é que a situación así o esixe.
"Agora neste tempo así tan seco eu non o teño visto".
Os caudais dos ríos da demarcación Miño Sil son moi inferiores os normais nesta época do ano e comeza a afectar os parámetros ambientais. A ninguén sorprenden as medidas adoptadas polo concello.
"Hai que ter coidado coa auga da traída e regar coa do pozo, de momento mentres teñamos a do manancial aquí no pozo imos tirando, pero despois imos ver o que vai pasar".
Pero é que esta situación esténdese xa por outras zonas da provincia a Limia ou Monterrei, onde tamén foi preciso tomar medidas. É o caso de concellos como Vilardevós, Vilar de Barrio ou Sandiás. Ninguén sabe o que pode acontecer no verán.
"Todo o que se faga para evitar que se gaste demasiada auga todo é pouco porque non sabemos o verán que nos virá e o que se necesitará a auga que é algo de primeira necesidade".
Cos encoros da demarcación do Miño-Sil o 55 por cento apuntan dende a Confederación Hidrográfica que non existe polo de agora risco de desabastecemento, pero si recomendan os concellos estar vixiantes e por en marcha as medidas de aforro que sexan posibles. Dende os concellos apelan a responsabilidade cidadá no uso da auga.