Publicador de contidos

Publicador de contidos

Médicas rurais comparten as súas experiencias durante a pandemia

Médicas rurais comparten as súas experiencias durante a pandemia

G24.gal 06/11/2021 16:04

A experiencia da pandemia, nos momentos máis críticos, foi ben distinta nas zonas rurais que nas cidades. Tamén para os profesionais sanitarios, que teceron redes con concellos, Cruz Vermella ou Protección Civil para asistir os veciños. Hoxe comentáronnos as súas experiencias nas Xornadas de Medicina Rural que se celebran en Ourense.

 

Son imaxes que gravamos durante o confinamento. Efectivos de Protección Civil repartindo comida e medicinas polas aldeas, mentres nos centros de saúde coordinaban a atención sanitaria dos veciños e os concellos tomaban nota das necesidades máis urxentes.

Cristina Margusino, coordinadora de Atención Primaria en Xinzo de Limia: "Eses pacientes que estaban sós, que non tiñan acceso á medicación ou nin sequera un teléfono para chamar. Esas redes comunitarias non as podemos perder".

O contacto directo, estreito, coas familias, é o primeiro que destacan os médicos rurais sobre o seu traballo.

Cecilia Curieses Arcos, médica do centro de saúde de Baltar: "Eu creo que nos implicamos moito máis: os pacientes teñen nome, apelido, e mesmo un apodo. Atención directísima. Se nos chaman por teléfono, ou colle a enfermeira ou collo eu, porque só estamos as dúas".

Non son pacientes illados, senón familias enteiras ás que facerlles o seguimento.

Cristina Margusino, coordinadora de Atención Primaria en Xinzo de Limia: "Ás veces estaban confinados na casa os avós, os fillos e os netos: nenos de 8 anos cos avós de 80".

Ata a vacinación e os cribados, masivos nas zonas urbanas, foron máis íntimos nos contornos rurais.

Cecilia Curieses Arcos: "Cando empezamos cos test de antíxenos, chamaban por teléfono e diciámoslles: ven, e cando esteas fóra, fasnos unha chamada perdida ou un berro, e xa saímos facer a proba".

Máis de 200 profesionais da medicina familiar e comunitaria de toda España compartiron as súas experiencias nestas xornadas de medicina rural realizadas por primeira vez en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade