Luz e gas tiran á alza da inflación e o IPC mantívose no 3,5% en outubro

O prezo dos alimentos moderou o avance da súa taxa interanual un punto, ata o 9,5 %, e baixa dos dous díxitos por primeira vez en ano e medio

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou seis décimas en outubro, ata o 5,2 %

G24.gal 14/11/2023 08:54 Última actualización 14/11/2023 09:51

O Índice de Prezos de Consumo aumentou un 0,3 % en outubro en relación ao mes anterior e mantivo sen cambios a súa taxa interanual no 3,5 %, debido a que o encarecemento da electricidade e do gas se viu compensado polo abaratamento dos carburantes e por unha subida menos intensa nos prezos dos alimentos respecto á experimentada un ano antes, segundo os datos definitivos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística, que coinciden cos avanzados a finais do mes pasado.

O prezo dos alimentos moderou o avance da súa taxa interanual un punto, ata o 9,5 %, e baixa dos dous díxitos por primeira vez en ano e medio. Esta evolución débese, segundo Estatística, a que os prezos de legumes e hortalizas, leite, ovos e queixo e carne e froitas subiron menos en outubro deste ano que no mesmo mes de 2022. Por contra, os aceites e graxas encareceron en maior medida que hai un ano. Co estancamento da taxa interanual da inflación en outubro no 3, 5 %, ponse fin a tres meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo, agosto e setembro subise catro, tres e nove décimas, respectivamente.

O IPC interanual mantense no seu nivel máis elevado desde o pasado mes de abril, cando alcanzou o 4,1 %. A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou seis décimas en outubro, ata o 5,2 %, situándose 1,7 puntos por encima do IPC xeral. O Ministerio de Asuntos Económicos subliñou nun comunicado que a inflación xeral se mantivo estable en outubro "polo mellor comportamento dos alimentos e a baixada dos carburantes". "As medidas de política económica adoptadas polo Goberno permitiron a España manter no último ano una das menores taxas de inflación e maior crecemento económico da zona euro, o cal favoreceu unha maior competitividade das empresas españolas e a ganancia de poder adquisitivo dos salarios", remarcou o Departamento que dirixe, en funcións, Nadia Calviño.

Os alimentos soben un 1,3 % respecto a setembro

En termos mensuais (outubro sobre setembro), o IPC rexistrou un aumento do 0,3 %, unha décima máis do que subiu o mes anterior. Con este ascenso, a inflación encadea cinco meses consecutivos de alzas mensuais.

O incremento mensual do IPC en outubro foi consecuencia do encarecemento nun 8,6 % do vestido e o calzado pola nova tempada de outono-inverno, e tamén dos alimentos, que aumentaron un 1,3 % polas subidas "xeneralizadas" da maior parte dos seus compoñentes, destacando os incrementos nos prezos dos aceites, as froitas e a carne e o peixe.

O IPC sobe en outubro en Galicia un 3,6 %

A inflación moderouse lixeiramente en Galicia no mes de outubro, unha décima inferior en termos interanuais, ao 3,6 %, unha décima máis que a media nacional, polo abaratamento da electricidade, mentres que o prezo dos alimentos aumentou por baixo do 10 %, e son un 9,9 % máis caros que hai un ano. 

En Galicia subiron todos os indicadores en termos interanuais, salvo a vivenda, en que se inclúen os prezos da electricidade, que caeu un 9 % nos últimos doce meses. Ademais dos alimentos, que seguen subindo pero menos que o mes anterior e a súa subida en moitos meses é inferior ao 10 %, subiron especialmente as bebidas alcohólicas e o tabaco, o 6,6 %, e o enxoval, un 4,2 % máis que hai un ano. O lecer e a cultura é un 3,5 % máis caro que hai un ano, e tamén subiu o prezo das comunicacións, un 3,3 %, e mais o ensino, un 2,8 % máis que en outubro de 2022.

As medicinas son un 1 % máis caras na comunidade autónoma respecto aos últimos doce meses, e os transportes un 1,6 % máis caros que en outubro do ano pasado, a pesar de que este mes os prezos caeron con respecto ao mes anterior, un 1 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade