Lula dá Silva presenta a súa candidatura ás eleccións presidenciais do Brasil
Lula dá Silva presenta a súa candidatura ás eleccións presidenciais do Brasil
Suma as forzas progresistas na coalición Imos Xuntos por Brasil
As sondaxes sitúan o exgobernante como o máximo favorito

O expresidente brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva presentou a súa candidatura ás eleccións presidenciais do Brasil. Todas as enquisas o sitúan como o máximo favorito por diante do actual gobernante, o ultradereitista Jair Bolsonaro.
"É un momento moi especial na miña vida... especial por contar con vostedes, por conseguir por primeira vez xuntar todas as forzas políticas progresistas ao redor da miña campaña", afirmou un acto en San Paulo, arroupado por centos de militantes.
As últimas sondaxes outórganlle a Lula, líder do esquerdista Partido dos Traballadores (PT), preto dun 45 % da intención de voto, fronte ao 30 % que obtería Bolsonaro, líder da extrema dereita brasileira, nos comicios do vindeiro 2 de outubro.
O exgobernante sumou á súa causa todas as forzas progresistas, co obxectivo de facer fronte aos partidos de dereita e ultradereita que están con Bolsonaro. A coalición preséntase baixo o nome "Imos xuntos por Brasil".
Durante a presentación, Lula da Silva fixo un discurso en defensa da soberanía do país e do impulso social durante o seu Goberno (2003-2010). Ademais, acusou o Goberno actual de "destruír as políticas públicas de millóns de brasileiros".
Xiro ao centro
No acto deste sábado participou de xeito telemático, tras dar positivo por covid-19, o exgobernador de San Paulo Geraldo Alckmin, un veterano político liberal, fervente católico e candidato a vicepresidente da fórmula de Lula.
"Cando Lula me tendeu a man, vin nese xesto moito máis ca un sinal de reconciliación entre dous adversarios históricos, vin un chamado á razón", asegurou.
A elección de Alckmin, adversario de Lula nas eleccións de 2006, é un xiro ao centro e un xesto para amosar unha imaxe de moderación económica, sobre todo fronte aos mercados financeiros.