Luís Tosar, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes
O Goberno aprobou a concesión na xuntanza deste martes do Consello de Ministros
De Tosar destacan que "é un dos actores máis sólidos e versátiles do cinema español" e que "construíu unha filmografía marcada por personaxes intensos, complexos e memorables, interpretados con forza emocional e rigor técnico"
(Europa Press/Claudia Alba)
O Goberno concedeu este martes 35 medallas ao Mérito nas Belas Artes na súa categoría de ouro a artistas como a cantantes Estrella Morente e María del Monte, o grupo Los Chichos, ao festival de música Primavera Sound e ao actor Luís Tosar.
A librería Rafael Alberti ou o graffiteiro Jesús Manuel Pinto García, que é comunmente coñecido como Suso 33, tamén están entre os galardoados, segundo anunciou a ministra portavoz, Pilar Alegría, na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros.
De Tosar destacan que "é un dos actores máis sólidos e versátiles do cinema español. Capaz de transitar con naturalidade entre o drama, o thriller, a comedia ou o cinema de autor".
"Construíu unha filmografía marcada por personaxes intensos, complexos e memorables, interpretados con forza emocional e rigor técnico", asegura o Ministerio de Cultura nunha nota que destaca que entre os seus galardóns están os seus tres Premios Goya, dous como Actor Principal.
Do ámbito da música foron galardoados a cantautora Christina Rosenvinge; o produtor e DJ Óscar Mulero; as cantantes Karina e María del Monte; a cantadora Estrella Morente; o grupo musical Los Chichos; a entidade músico social Fundación Vozes e o Festival de música Primavera Sound.
En cinema e teatro, foron distinguidos o actor Luís Tosar, a actriz Emma Vilarasau; a directora e guionista Alauda Ruiz de Azúa por películas como Los domingos; e a familia de cómicos Pla-Solina (un de cuxos membros é o actor Oriol Pla, recente gañador dun Emmy a mellor actor internacional por Yo, adicto).
Tamén foron recoñecidas no ámbito das artes escénicas as xestoras culturais e coreógrafas Laura Kumin e Margaret Jova; e o coreógrafo Marcos Morau.
As Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes destacan nesta edición diversas personalidades da literatura, en concreto, o escritor Manuel Vicent, a debuxante de cómic e ilustradora Ana Miralles e a filóloga e escritora Irene Vallejo. Neste mesmo campo foi galardoada a librería Rafael Alberti.
Do ámbito das belas artes e o patrimonio cultural recoñeceuse o graffiteiro e artista multidisciplinar Suso 33, a arqueóloga Teresa Chapa, o antropólogo forense Francisco Etxeberria e o arquitecto e xestor cultural Juan Miguel Hernández.
Ademais, recibiron a distinción o mecenas Antonio Gallardo Ballart, a desenvolvedora de videoxogos Tatiana Delgado, o deseñador André Ricard, a entidade cultural comunitaria Ateneu Popular 9 Barris e os xestores culturais Daniel Giralt-Miracle, Miren Begoña Arzalluz, Manuel Jesús Borja-Villel e José Manuel Garrido.
A título póstumo, recoñeceuse a artista plástica Roberta Marrero, o xornalista e debuxante Andrés Vázquez de Sola, ao xestor cultural José Luis Cienfuegos Marcello e a actriz Verónica Echegui.
A Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes é un recoñecemento que distingue as persoas e entidades que destacasen no campo da creación artística e cultural ou prestasen notorios servizos no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura ou na conservación do patrimonio artístico.