Lola Lago, peña Carcamáns: “Onte foi un día negro na historia do Celta”
Por Zona mixta pasou Lola Lago, peñista de Carcamáns e avogada. Expresou o seu parecer sobre o caso Santi Mina e foi moi crítica coas declaracións onte neste programa do tamén avogado Pablo Viana.
“Que o Celta deixe claro o que quere facer con Mina”.
"Onte foi un día negro na historia do club. O 4 de maio pasará a marcar a historia negativa do Celta. Aínda o estamos dixerindo. Estou coa maioría da afección en que Santi Mina debe ser apartado do equipo".
"Non son laboralista, pero si avogada, e Mina non pode ser despedido inmediatamente. O Celta ten que evitar prexuízos maiores para que non sexa un despedimento improcedente. É unha medida cautelar, pero non vai volver xogar máis co Celta".
"Eu xa non tería fichado de volta a Mina no seu momento. Creron na palabra do xogador. Unha vez que o fichas ata que hai sentenza non o podes apartar. Como afeccionada e muller había probas contundentes no xuízo para telo afastado daquela. Legalmente era mellor esperar".
"As palabras de Pablo Viana foron desafortunadas. Mina fixo o que fixo e ten que apandar. A frase deste avogado parece que denota que a vítima é o xogador e non a muller".
