Publicador de contidos

Publicador de contidos

Localizan no Palacio de Liria o cadro de Sorolla 'La Chata', desaparecido nos 70

Localizan no Palacio de Liria o cadro de Sorolla 'La Chata', desaparecido nos 70

Xunto a el localizáronse outros dous óleos nas mesmas circunstancias, retratos de Afonso XIII e de Eduardo Dato, obras de José Moreno Carbonero

Policía Nacional
G24.gal 05/02/2026 11:14

A Policía Nacional recuperou tres obras de arte desaparecidas desde os anos 70, entre elas o cadro de Joaquín Sorolla La Chata, e que foron localizadas no Palacio de Liria de Madrid, propiedade da Casa de Alba.

Segundo informou este xoves a Dirección Xeral da Policía Nacional, xunto a esta obra de Sorolla tamén se localizaron outras dúas pinturas de José Moreno Carbonero. As tres pertenceron á extinta Sociedad Española de Amigos del Arte, da que formaba parte o pai do actual duque de Alba.

A Policía comezou a investigación despois de recibir información sobre unha pintura que formaba parte da exposición promovida pola Casa de Alba, La moda en la Casa de Alba, que tivo lugar de outubro de 2023 e marzo de 2024. Esa pintura era un retrato de Isabel de Borbón e Borbón, 'La Chata', pintado por Joaquín Sorolla, datado no ano 1908, de medidas 151x100 cm e da que se descoñecía o seu paradoiro desde os anos 70.

A pintura pertencería á extinta Sociedad Española de Amigos del Arte, unha sociedade sen ánimo de lucro cuxa disolución se produciu a comezos dos anos 80 do século pasado e que, durante case todo ese século, tivo como obxectivo a promoción da cultura e as artes en España.

Dita fundación contou con destacados membros da sociedade española da época e, ao longo dos anos, foi nutrindo o seu patrimonio con diferentes bens culturais que lle eran doados e que, segundo se puido constatar unha vez consultados os seus estatutos, en caso de disolución, deberían incorporarse ao Patrimonio do Estado español.

Entre os membros honoríficos desta sociedade atopábase Luis Martínez de Irujo, pai do actual duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart.

Tras un importante labor de documentación a través de arquivos e bibliotecas, informouse a Casa de Alba, que comprobou que efectivamente a citada obra estaba depositada no madrileño Palacio de Liria desde setembro de 1973 e que os documentos achegados acreditaban que a súa titularidade era estatal.

Xunto a ela localizáronse outros dous óleos nas mesmas circunstancias, retratos de Afonso XIII e de Eduardo Dato, obras de José Moreno Carbonero.

A Casa de Alba manifestou o seu desexo de facer as xestións necesarias para que as tres obras, que custodiaban en calidade de depósito e que proviñan da mesma sociedade, pasasen á disposición do Estado, e que sexan depositadas no lugar determinado polo Ministerio de Cultura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade