Aitana Bonmatí e Lionel Messi gañan o Balón de Ouro

O arxentino logrou o oitavo galardón da súa carreira e Aitana Bonmatí gañou o primeiro logo de liderar o Barcelona e a selección española

G24.gal 30/10/2023 21:59 Última actualización 30/10/2023 22:12

Lionel Messi e Aitana Bonmatí foron os triunfadores da gala do Balón de Ouro. Levaron o premio máis importante como mellor xogador e xogadora do mundo en categoría masculina e feminina.

Messi marcou 38 goles na última temporada, gañou a liga francesa co París Saint Germain e, por riba de todo, logrou o ansiado Mundial coa selección da Arxentina. Tamén o título de campioa do mundo foi decisivo para que a centrocampista do Barcelona Aitana Bonmatí levase o premio á mellor xogadora do mundo e suceder a súa compañeira Alexia Putellas. Bonmatí engadiu os títulos de Liga e Champions co seu club, en que foi unha xogadora fundamental. 

O trofeo ao mellor xogador novo (Trofeo Kopa) foi para o futbolista do Real Madrid Jude Bellingham (20 anos). Como mellor porteiro recolleu o galardón o arxentino Emiliano Martínez, e o mellor dianteiro foi o noruegués do City Erling Haaland. Os equipos que gañaron a Champions foron os mellores do mundo: Manchester City e Fútbol Club Barcelona. Tamén recibiu un premio Vinícius, o Trofeo Sócrates polas súas achegas solidarias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade