Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago e A Estrada estarán a 10 minutos por autovía a finais de 2028

Santiago e A Estrada estarán a 10 minutos por autovía a finais de 2028

Licitado por 31 millóns de euros o tramo restante da AG-59 entre Santiago e A Estrada

Alfonso Rueda destaca que esta é unha infraestrutura estratéxica para Galicia e que a Xunta cumpre cos seus compromisos

G24.gal 20/05/2025 15:08

A plataforma de contratación pública da Xunta publica este martes a licitación das obras de ampliación da autovía AG-59, que unirá Santiago de Compostela e A Estrada, na que a Xunta investirá máis de 31 millóns de euros para un tramo de case 4 quilómetros ata chegar ao lugar do Rolo.

Ata alí desprazouse esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para participar nun acto con motivo da licitación, tras a que se prevé que os traballos poidan empezar este mesmo ano e concluír nun prazo aproximado de 36 meses, polo que o tramo entraría en servizo antes do final de 2028.

Neste mesmo exercicio está prevista a posta en funcionamento da extensión da AG-59 desde A Ramallosa ata Pontevea, no Concello de Teo, unha obra á que o Goberno galego dedicou preto de 36 millóns de euros.

Ambas as actuacións serven para completar o trazado dunha vía de altas capacidades que estivo paralizada durante anos e que, ao seu termo, permitirá conectar a capital galega con esta vila do interior da provincia de Pontevedra nun tempo inferior a dez minutos, segundo os cálculos dos técnicos da Xunta.

Na súa intervención, Rueda lembrou que esta autovía levaba "moito tempo iniciada" e que "había que facer un esforzo e terminala", debido a que dará servizo a unha "zona moi grande de poboación" dependente de Santiago de Compostela para acceder a servizos sanitarios ou opcións laborais. "Hai que cumprir co que se promete", recalcou Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade