O Deportivo esperta demasiado tarde (2-1)
Iván Romero marcou os dous goles para un Levante moi superior na primeira media hora
O Deportivo mellorou no segundo tempo e Barbero recortou diferenzas no minuto 88
O Deportivo pagou unha mala saída contra o Levante e perdeu con claridade por 2-1, os dous marcados por Iván Romero. Barbero recortou diferenzas contra o final do partido. Idiakez probou con Patiño de titular pero o experimento só durou 45 minutos.
A entrada no partido do Deportivo foi moi deficiente. Avisou Morales, Carlos Álvarez obrigou a Helton a realizar unha gran parada e Iván Romero marcou á saída dun córner.
Todo nos primeiros sete minutos. Reaccionou o cadro coruñés cunha cabezada de Villares ao traveseiro. Pero o Levante na media hora inicial gozou de innumerables ocasións. Carlos Álvarez e Pablo Martínez, ao poste, avisaron, e Iván Romero repetiu no 29. Ata o descanso só o bulideiro Mella xeraba algo de perigo nun equipo totalmente plano.
No segundo tempo Idiakez sacou a Patiño e meteu a Bouldini. Lucas Pérez, cun gran lanzamento de falta, obrigou a intervir a Andrés Fernández. Foi a oportunidade para meterse no partido. O Levante limitouse a controlar e ao Deportivo faltoulle pegada malia que o intentaron Bouldini, Barcia ou Barbero. Foi precisamente o dianteiro andaluz o que marcou no 88 o gol que metía o Deportivo no partido, un gol que chegou demasiado tarde.