León XIV, aos líderes mundiais: "As armas poden e deben calar"
Insta os representantes políticos a negociar para rematar coas guerras e ofrece a Santa Sé como espazo para que os inimigos "se atopen e se miren aos ollos"
O papa tamén rezou polos cristiáns de Oriente Medio que "perseveran e resisten nas súas terras"

O papa León XIV instou este mércores aos líderes do mundo a que senten a negociar para que "calen as armas", e afirmou que "a Santa Sé está dispoñible para que os inimigos se atopen e se miren aos ollos", no seu discurso aos representantes das Igrexas orientais no seu Xubileu.
"O pobo quere a paz, e eu, co corazón na man, dígolles aos líderes do pobo: reunámonos, falemos, negociemos! A guerra nunca é inevitable, as armas poden e deben calar, porque non resolven os problemas, senón que os aumentan", dixo o papa.
O chamamento chega á véspera da reunión que manterán en Turquía representantes de Rusia e Ucraína, sen que o presidente ruso, Vladimir Putin, aclarase aínda se viaxará para reunirse co seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski.
O papa Robert Prevost destacou na aula Paulo VI ante as miles de persoas chegadas para o Xubileu das Igrexas Orientais de países como Siria, Ucraína, Líbano ou Iraq, que estes peregrinos coñecen "de primeira man os horrores da guerra".
León XIV clamou contra a violencia e a guerra, afirmando que o masacre de "tantas vidas novas" deberían provocar "indignación". Pediu entón rezar "por esta paz, que é reconciliación, perdón, a valentía de pasar páxina e empezar de novo".
Afirmou que faría todo o posible para estender a paz, antes de engadir que "a Santa Sé está dispoñible para que os inimigos se atopen e se miren aos ollos, para que se devolva ás persoas a esperanza e a dignidade que merecen, a dignidade da paz".
A Igrexa non se cansará de repetir: "que calen as armas", asegurou. O pontífice instou tamén a fuxir das narrativas violentas que deshumanizan e dividen o mundo entre "bos e malos".
León XIV tamén rezou polos cristiáns que, especialmente en Oriente Medio, "perseveran e resisten nas súas terras, máis fortes que a tentación de abandonalas".
E realizou un novo chamamento para que se lles dea a oportunidade aos cristiáns de "permanecer nas súas terras con todos os dereitos necesarios para unha existencia segura".