Lendoiro reclama máis ambición para volver a ter un Deportivo na elite
O presidente da época dourada do club coruñés entende que os números apoian a Gilsanz, e a clave, na súa opinión, é investir o diñeiro en bos xogadores
Á calor das celebracións polo 25 aniversario do título de Liga, o daquela presidente Augusto César Lendoiro analiza o Deportivo actual.
"O obxectivo do Deportivo ten que ser ascender de categoría. Se hai diñeiro e xogadores, hai que ter aspiracións", comentou a Televisión de Galicia.
De entrada, bota en falta máis ambición. Ten sona Lendoiro de ser pouco amigo dos trocos de adestrador. Renovaría hoxe a Gilsanz? "Os datos obxectivos son os puntos, e os puntos son como para poder confiar nel", comenta Lendoiro.
Alén do banco, cre primordial acertar cos futbolistas. Retoma aquí unha vella frase súa: "Os cartos hai que telos no campo. Arsenio era un grande adestrador pero só foi campión cando tivo grandes xogadores. Os xogadores mandan", asegura o expresidente do club coruñés. Coa tempada case liquidada no campo, esa é a batalla que xoga, desde xa, o Deportivo.