Leire Díez: "Sempre valín máis polo que calo que polo que falo"
A exmilitante socialista defende nunha entrevista nun xornal vasco que "nada do que se fixo é delito" e que a están "utilizando como chave inglesa para chegar a Pedro Sánchez", a quen di que non coñece persoalmente
Leire Díez nunha imaxe de arquivo (Europa Press/Carlos Luján)
A exmilitante socialista Leire Díez, investigada por posibles manobras contra fiscais e axentes da Unidade Central Operativa (UCO) e por presuntas mordidas en contratos públicos, afirma que sabe "moito máis do que aparece nas axendas": "Sempre valín máis polo que calo que polo que falo".
Nunha entrevista no diario biscaíño El Correo, Díez asegura que a están "utilizando como chave inglesa para chegar a Pedro Sánchez", a quen asegura non coñecer persoalmente -"na miña vida estiven con el"- e do que di que "ten un defecto: rodéase de xente que non é capaz de dicirlle as cousas".
O presidente do Goberno, "polo que me dixeron, ten tal carácter que está todo o mundo acolloado porque ninguén se atreve a dicirlle nada", sinala a exmilitante do PSOE, que defende que "nada do que se fixo é delito".
Explica que lle "doe o relato falso" que se construíu ao redor dela e critica o informe da UCO "ao que logo a Fiscalía fai un 'copia-pega' porque a miña filla de tres anos é capaz de argumentarmo moito mellor".
Neste sentido, Díez pregúntase "onde está a patrimonial de (Santos) Cerdán", investigado tamén por presuntas mordidas. "Meteron un tío ao cárcere seis meses porque supostamente, segundo o maxistrado, levou un 1 % dos millóns das adxudicacións", pero "cinco millóns non os podes esconder en calquera lado", sinala.