Lección de contragolpe por parte do Celta B en Mérida (0-3)
Os dous primeiros goles marcados por Miguel e Íker Losada chegaron en xogadas moi rápidas e precisas
O Celta B amosou a súa versión contragolpeadora. Á carreira e coa calidade de xogadores como Miguel Rodríguez ou Íker Losada amosouse letal no campo do Mérida (0-3).
Dunha xogada de ataque local naceu o primeiro tanto do filial. Miguel botou un esprinte de cincuenta metros e superou o porteiro emeritense. O segundo naceu nun córner a prol do Mérida. En catro toques, o Celta B percorreu o campo e Íker anotou o noveno gol da súa conta esta temporada.
Cero a dous ao descanso e a sensación de ter o partido sentenciado. Máis cando Tincho fabricou unha boa xogada pola esquerda culminada por Miguel Rodríguez. Na seguinte acción o atacante local Nando Copete amosou a súa desesperación e foi expulsado con vermello directo por unha agresión a Tincho.
A última media hora o Celta non quixo facer sangue ante un rival que baixou os brazos consciente da súa inferioridade.