Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel segue atacando Siria mentres o novo goberno tenta recuperar a normalidade

Israel segue atacando Siria mentres o novo goberno tenta recuperar a normalidade

Rusia advirte ao goberno israelí de que as súas accións non axudan á estabilidade

Os rebeldes queiman a tumba de Hafez al-Assad, o sanguinario ditador sirio

A nova bandeira de Siria
Antón Montero 11/12/2024 19:21 Última actualización 11/12/2024 19:52

As novas forzas da orde sirias xa locen os seus propios uniformes. O parche onde se le "Servizo Xeral de Seguridade" ou o anagrama do chamado Goberno de Salvación identifica os policías, que se van despregando polas rúas de Damasco conforme diminúe a presenza de milicianos.

A capital viviu o seu primeiro día sen toque de queda desde a caída do réxime. Este mércores foi o primeiro día de traballo do novo Goberno provisional, que en tres meses deberá presentar unha nova Constitución. Agora, a súa prioridade é alimentar a poboación, xa que escasea o pan e o seu prezo subiu un 900 % en dúas semanas.

Israel segue saudando as novas autoridades con mísiles. Por terceiro día, bombardeou instalacións militares, radares e depósitos de armas en territorio sirio para impedir que caian en mans de grupos descontrolados.

O Observatorio Sirio de Dereitos Humanos cifra en máis de 350 os ataques israelís desde o luns, os últimos moi preto da base rusa de Tartus. Estas accións non axudan a estabilizar a situación, advertía a voceira do Ministerio de Exteriores ruso.

En vulneración dun acordo asinado hai 50 anos, o exército hebreo segue despregándose na zona desmilitarizada da fronteira, aínda que o goberno de Netanyahu insiste en que é unha acción preventiva e temporal.

O líder supremo iraniano falou por primeira vez da caída dun dos seus grandes aliados na rexión. "Non hai dúbida de que foi parte dun plan tramado polos Estados Unidos e os sionistas", dixo o aiatolá Khamenei. Insiste en que o eixe de resistencia non se verá afectado, aínda que esa coalición, na que tamén estaban Hamas, Hezbollah ou a propia ditadura siria, vai quedando sen membros.

O día deixa outra imaxe para a historia: a dos rebeldes prendendo lume á tumba de Hafez al-Assad, o pai de Bashar e orixe do último medio século de ditadura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade