Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consenso na elección do sucesor do aiatolá Alí Khamenei en Irán

Consenso na elección do sucesor do aiatolá Alí Khamenei en Irán

Trump asegura que o novo líder ten que contar coa súa aprobación ou "non durará moito"

Israel bombardea infraestruturas petroleiras iranianas e Teherán volve atacar Kuwait e Barhein

Os países da Liga Árabe condenan sen atenuantes os ataques nos países do Golfo Pérsico

Protesta en Teherán contra os ataques. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS.
G24.gal 08/03/2026 08:32 Última actualización 08/03/2026 22:03

Dous membros da Asemblea de Expertos de Irán aseguraron este domingo que xa elixiron o novo líder supremo do país, sucesor do asasinado Ali Khamenei, pero non anunciaron aínda publicamente o seu nome.

"A elección do liderado xa se levou a cabo e o líder foi determinado", dixo o aiatolá Ahmad Alamolhoda, membro do corpo formado por 88 clérigos que se elixe nas urnas cada catro anos.

Corresponde agora ao aiatolá Hashem Hosseini Bushehri, responsable da secretaría, "anunciar publicamente a decisión" dos relixiosos, engadiu Alamolhoda, citado por diversos medios iranianos como Tasnim e Mehr.

"Escolleuse a mellor opción, aprobada pola maioría da Asemblea de Expertos, e o Gran Satán (os Estados Unidos) tamén o mencionou", subliña o aiatolá Kamal Heydari.

Pola súa banda, o ministro iraniano de Asuntos Exteriores, Abbas Aragchi, afirmou que a identidade do próximo líder supremo do seu país segue sendo unha incógnita e rexeitou calquera interferencia externa no proceso de sucesión.

"Non permitimos que ninguén interfira nos nosos asuntos internos. Corresponde ao pobo iraniano elixir o seu novo líder", sentenciou.

Nunha entrevista concedida ao programa Meet the Press da cadea estadounidense NBC, evitou dar nomes e subliñou que a decisión final recae exclusivamente nas institucións da República Islámica.

Fume no depósito de Shahran (Teherán). Asgaripour/WANA vía REUTERS. Fume no depósito de Shahran (Teherán). Asgaripour/WANA vía REUTERS.

Trump di que deberá contar coa súa aprobación

Porén, o presidente dos Estados Unidos afirmou este domingo que o futuro líder supremo de Irán "non durará moito" no cargo se non conta co visto e prace da súa Administración. O obxectivo, subliñou, é "non ter que volver atrás cada dez anos".

"Terá que obter a nosa aprobación (...) Se non a obtén, non durará moito", declarou o mandatario nunha entrevista coa cadea ABC News.

O líder republicano non descartou aceptar un sucesor vinculado ao antigo réxime dos aiatolás sempre que sexa un "bo líder" e xustificou a actual ofensiva militar na suposta intención de Irán de "apoderarse de todo Oriente Próximo". 

Respecto ás operacións militares contra Teherán, asegurou que avanzan segundo o previsto.

Trump a bordo do Air Force One. REUTERS/Kevin Lamarque Trump a bordo do Air Force One. REUTERS/Kevin Lamarque

Novena xornada de guerra

A novena xornada de guerra vén marcada polo primeiro bombardeo israelí nos lítimes administrativos da capital do Líbano, onde morreron cinco persoas no hotel Ramada Praza.

O exército hebreo identificou as vítimas como altos mandos da denominada Forza Quds, parte da Garda Revolucionaria iraniana, en pleno barrio de Raouche.

"Durante a noite, a Armada israelí, dirixida por intelixencia militar, levou a cabo un ataque de precisión en Beirut que tiña por obxectivo cinco comandantes do Corpo para o Líbano e o Corpo para Palestina da Garda Revolucionaria cando mantiñan unha reunión nun hotel", sinala un comunicado castrense.

Israel identificou tres comandantes da Forza Quds: Majid Hassini, responsable da transferencia de fondos a forzas aliadas de Irán no Líbano; Ali Reza Bi Azar, á cabeza da rama de intelixencia do Corpo Libanés; e Ahmad Rasouli, oficial de intelixencia do Corpo Palestino.

Xunto a eles morreron Hossein Ahmadlou, ao que atribúen solicitar información sobre Israel "con obxectivos terroristas", e Abu Mohammad Ali, representante do grupo xiíta libanés Hezbollah no Corpo Palestino de Quds.

Camión calcinado en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS. Camión calcinado en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS.

En Teherán, as instalacións petroleiras convertéronse no obxectivo israelí das últimas horas. A capital iraniana amenceu envolta nunha nube tóxica tras o bombardeo de varios centros de almacenamento de cru no que morreron catro persoas.

Mentres, Irán prosegue coa súa ofensiva contra Tel Aviv e as bases estadounidenses nos países do Golfo Pérsico, que denuncian as agresións e consideran "perigoso" o incremento da violencia na rexión.

Neste contexto, o chanceler chinés, Wang Yi, pediu un cesamento inmediato das operacións militares na zona para "previr unha escalada e a expansión da guerra".

O hotel atacado no centro de Beirut. REUTERS/Claudia Greco. O hotel atacado no centro de Beirut. REUTERS/Claudia Greco.

Novos ataques contra Kuwait e e Barhein

A axencia Tasnim, vinculada á Garda Revolucionaria iraniana, informou esta madrugada dunha nova vaga de ataques contra Israel e activos estadounidenses en Oriente Próximo.

Deu conta do lanzamento de mísiles de precisión na base norteamericana de Arifjan, en Kuwait. As autoridades do país tamén responderon a unha ondada de drons que provocaron incendios no aeroporto internacional e na sede da Seguridade Social. Dous militares faleceron.

Pola súa banda, o Ministerio do Interior de Barhein confirmou un incendio preto de Mina Salman, porto que alberga unha base militar dos EUA, pola "agresión iraniana".

Edificio en chamas en Kuwait. REDES SOCIAIS vía REUTERS Edificio en chamas en Kuwait. REDES SOCIAIS vía REUTERS

"Perigosa escalada"

Os países do Consello de Cooperación do Golfo (CCG), unha alianza dos seis Estados máis ricos da península Arábiga, cualificaron de "perigosa escalada" os ataques de Irán contra Kuwait e Barhein.

O secretario xeral da organización, Khasem Mohamed Albudaiwi, condenounos e asegurou que reflicten a "escalada de violencia" seguida por Teherán para "desestabilizar a seguridade e a estabilidade na rexión".

Iso malia que o presidente de Irán, Masud Pezeshkian, afirmara este sábado que o seu país decidira poñer fin aos ataques contra os países veciños a menos que se rexistrasen agresións desde eses territorios.

Columnas de fume en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS Columnas de fume en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Condena sen atenuantes

Pola súa banda, os 22 países da liga Árabe condenaron este domingo sen atenuantes os ataques iranianos nos países do Golfo Pérsico, reafirmaron o seu dereito a defenderse e instaron ao Consello de Seguridade da ONU a emitir unha resolución de condena contra estas "covardes agresións".

Nunha reunión ministerial extraordinaria telemática, cualificaron os bombardeos como unha "ameaza á paz e á seguridade rexionais e internacionais, á seguridade das rutas marítimas e da navegación marítima comercial".

Nun comunicado, os ministros non escatimaron en críticas cara ao goberno da República Islámica por poñer "en perigo a vida de civís e violar o dereito internacional" cunhas agresións "ilegais e inxustificadas".

Tamén aproveitaron para pedirlle á comunidade internacional que prema a Israel para que cese os seus ataques ao Líbano e contra os territorios ocupados de Palestina.

Esta xuntanza ministerial foi convocada a pedimento de Arabia Saudita, Kuwait, Qatar, Omán e Barhein, ademais de Exipto e Xordania, para trazar un enfoque árabe unificado ante os ataques contra os países árabes.

Devotos en Mascate (Omán) inician o Iftar. REUTERS/Benoit Tessier Devotos en Mascate (Omán) inician o Iftar. REUTERS/Benoit Tessier

Depósitos de combustible

O Exército israelí atacou a pasada noite varios depósitos de combustible en Teherán que, segundo a súa versión, utilizaban as forzas armadas iranianas para "operar a infraestrutura militar".

Do mesmo xeito, as Forzas de Defensa de Israel informaron do bombardeo de avións de combate persas F-14 no aeroporto de Isfahán.

"Ademais, atacáronse sistemas de detección e defensa aérea que representaban unha ameaza para as aeronaves da Forza Aérea Israelí", indican nun comunicado.

Ademais, confirmaron a morte do novo xefe da Oficina Militar do líder supremo de Irán, que ocupaba o cargo despois de que o seu director previo fora asasinado o primeiro día da guerra.

"Onte (sábado), a Forza Aérea israelí, actuando baixo intelixencia precisa da Dirección de Intelixencia militar, eliminou a Abu al Qasem Babaiyan en Teherán", anunciaron.

O muro das lamentacións sen xente polo conflito. REUTERS/Ronen Zvulun O muro das lamentacións sen xente polo conflito. REUTERS/Ronen Zvulun

Soldados dos EUA capturados, segundo Teherán

O secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional de Irán, Ali Lariyani, confirmou a captura de varios soldados estadounidenses antes de acusar a Washington de mentir sobre as súas baixas no actual conflito.

Porén, non ofreceu detalles sobre o número exacto de militares supostamente apresados nin sobre o lugar onde ocorrerían os feitos.

Pola súa banda,  o comando Central dos EUA (CENTCOM) informou este domingo da morte dun soldado ferido en Arabia Saudita nun dos primeiros ataques iranianos, co que Washington suma sete falecidos na guerra.

Ataque israelí na fronteira co Líbano. REUTERS/Amir Cohen Ataque israelí na fronteira co Líbano. REUTERS/Amir Cohen

Campaña de bombardeos no Líbano

Polo menos 25 persoas morreron e varias resultaron feridas na noite do sábado ao domingo en ataques atribuídos a Israel contra varias localidades do sur do Líbano e a capital, Beirut, segundo informa a súa Axencia Nacional de Noticias.

A ofensiva deixa xa 394 persoas mortas no país árabe, entre elas 83 menores, máis de 1.130 feridas e 112.000 desprazadas en albergues oficiais, pero estímase que a cifra supere as 200.000.

O Exército israelí anunciou este domingo a morte dos dous primeiros soldados dende o inicio da ofensiva no sur de Líbano en combates contra a milicia xiíta Hezbollah.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade