Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel acorda unha liña de retirada inicial en Gaza e chama a Hamás a aceptala

Israel acorda unha liña de retirada inicial en Gaza e chama a Hamás a aceptala

O presidente dos EUA asegura que o cesamento do fogo será inmediato cando o grupo islamita o confirme

Edificios destruídos en Gaza dende a fronteira israelí. REUTERS/Amir Cohen
G24.gal 05/10/2025 08:32 Última actualización 05/10/2025 09:48

Israel acordou unha "liña de retirada inicial" en Gaza, que compartiu con Hamás, e chamou o grupo palestino a aceptar as condicións para dar paso a un cesamento do fogo "inmediato" e á liberación de reféns e prisioneiros estipulada no plan de paz elaborado polos EUA.

"Tras as negociacións, Israel aceptou a liña inicial de retirada, a cal mostramos e compartimos con Hamás. Cando Hamás a confirme, o cesamento do fogo será INMEDIATO, comezará o intercambio de reféns e prisioneiros, e estableceremos as condicións para a seguinte fase da retirada", escribiu Trump na súa rede Truth Social.

O presidente norteamericano acompañou a súa mensaxe cun mapa do asediado enclave palestino, que amosa os límites acordados polo Exército israelí para ese repregamento inicial.

Trump insistiu en que este cesamento das hostilidades "achegará o final desta CATÁSTROFE DE 3.000 ANOS" e traerá paz a Oriente Próximo.

Horas antes, advertíralle ao grupo islamita que "non tolerará demoras" que poidan poñer en perigo o acordo de paz en Gaza impulsado pola Casa Branca.

Do mesmo xeito, agradeceulle a Israel o cesamento temporal dos ataques aéreos sobre a Franxa.

"Agradezo que Israel detivera temporalmente os bombardeos para dar a oportunidade de concretar a liberación de reféns e o acordo de paz. Hamás debe actuar con rapidez; pola contra, todo se perderá. Non tolerarei demoras, que moitos cren que ocorrerán", escribiu Trump na súa rede Truth Social.

Trump celebrou este venres que Hamás aceptara liberar os reféns israelís que mantén na Franxa baixo os termos expresados no plan que impulsa para o enclave palestino, e pediulle a Israel que parase os bombardeos sobre Gaza.

Segundo anunciou a oficina do primeiro ministro hebreo, Benjamín Netanyahu ordenou ao exército que limite a súa actividade na Franxa a "operacións defensivas".

Explosións na cidade de Gaza este sábado. REUTERS/Dawoud Abu Alkas Explosións na cidade de Gaza este sábado. REUTERS/Dawoud Abu Alkas

Novos ataques

Aínda así, varias fontes apuntan a que Gaza sufriu varios ataques das forzas israelís durante este sábado nos que morreron polo menos 29 persoas, entre elas varios nenos.

O segundo grupo armado palestino, a Xihad Islámica, sumouse tamén á resposta de Hamás ao plan estadounidense para Gaza, o que despexa o camiño para a entrega dos últimos 48 reféns israelís, dos que só 20 seguen con vida. 

As faccións armadas palestinas fixeron un chamamento á Autoridade Nacional Palestina para que convoque unha reunión nacional urxente co obxectivo de definir mecanismos de xestión de Gaza con vistas a unha estrutura palestina independente.

Plan de 20 puntos

O plan de 20 puntos que o presidente presentou este luns na Casa Branca, aceptado polo primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, propón a fin inmediata da guerra, a liberación dos reféns e a formación dun goberno de transición para Gaza, supervisado polo mandatario estadounidense e o ex primeiro ministro británico Tony Blair.

A proposta tamén contempla a desmilitarización da Franxa e a posibilidade de negociar no futuro un Estado palestino, algo descartado, con todo, polo primeiro ministro israelí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade