Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ioga termal para celebrar o Día Mundial da Auga

Ioga termal para celebrar o Día Mundial da Auga

Outariz acolle varias sesións de balde para os participantes

Tamén hai visitas guiadas aos mananciais da cidade

Ioga termal na Burga de Canedo
G24.gal 22/03/2023 14:14

Día de semana, once da mañá, co ceo anubrado e os primeiros síntomas de astenia primaveral... Unhas condicións idóneas para relaxarse nas pozas termais. "Unha relaxación total, e un benestar que non atopas nin vendo catedrais", comenta un dos participantes na sesión de ioga termal, turista de Aragón.

Cristina Pérez é a ideóloga do ioga termal. Combinou dúas afeccións, unha importada, o ioga, e outra moi autóctona, o termalismo que levaba practicando desde nena.

Cristina Pérez, creadora do ioga termal: "Nós, cando enfermabamos, curabámonos coa auga do Tinteiro, calquera ferida, anxinas... aparello dixestivo... eu crieime coa auga termal".

Cada vez son máis os que se apuntan a unha actividade que explora as sinerxías entre o ioga e a auga. "Coa auga móveste mellor, é coma se voases. E é moi boa para os ósos. Vas coma nova", asegura unha participante.

As Burgas

No Día Mundial da Auga, Ourense tampouco se esquece das Burgas, un dos símbolos da cidade.

José Ramón Gómez, técnico da Oficina de Turismo de Ourense: "Saber para que se usaban estas augas, os lavadoiros, os matadoiros, os usos terapéuticos... E tamén as lendas e a historia que hai arredor dela".

Ao longo do día pasarán polas Burgas distintos grupos, de escolares e de público en xeral, nun percorrido que supón tamén unha lección de xeoloxía.

"As Burgas é un patrimonio de Ourense, coa auga moi quente". "A auga métese na terra a grandes profundidades, canta máis profundidade, máis calor, e despois sae a presión cara á superficie", comentan dous estudantes.

E no fondo, unha mensaxe: a importancia de facer un uso responsable da auga, para seguir conservando un recurso vital.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade