Investíganse as causas dun incendio nunha nave industrial en Vigo
O lume afectou parte dunha nave de 800 metros cadrados do sector de reparacións navais
A intensa fumareda que se produciu no interior complicou os labores de extinción

Sucedeu esta madrugada na parroquia de Bembrive nunha fábrica de efectos navais. Os bombeiros tiveron que traballar máis de tres horas no lugar para sufocar o incendio.
Os bombeiros recibiron o primeiro aviso por un poste da luz que caía sobre o camiño á feira. Un camión golpeou o poste de formigón, que quedou botando chispas. Pouco despois, alertábanos dun incendio nunha nave no mesmo camiño. Polo momento, descoñécese se hai relación entre os dous feitos.
O lume afectou parte dunha nave de 800 metros cadrados do sector de reparacións navais. A intensa fumareda que se produciu no interior complicou os labores de extinción. Os bombeiros permaneceron no lugar desde as doce e media da noite ata pasadas as catro da mañá, cando deron por extinguido o incendio. As primeiras avaliacións apuntan a que arderon restos de madeira, aceite e ferramentas, pero non se viu comprometida a estrutura da construción.