Investigan unha agresión sexual a unha moza nunha discoteca do Grove
A muller solicitou unha orde de afastamento, pero a maxistrada rexeitouna ao apreciar que non hai situación de risco

Un mozo do Grove (Pontevedra) está a ser investigado como presunto autor da agresión sexual que denunciou unha moza de 20 anos e da que sería vítima nunha discoteca desta localidade pontevedresa.
A vítima, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denunciou que o sospeitoso a bicou e introduciulle as mans no interior do seu pantalón sen o seu consentimento cando ambos se atopaban na barra da discoteca.
A agresión produciuse na madrugada do pasado domingo, en plena celebración do entroido do Grove, e a moza interpuxo a denuncia o martes, dous días despois.
O mozo denunciado foi localizado pola Garda Civil o mércores e xa entón prestou declaración en calidade de investigado por estes feitos, aínda que non foi detido.
A muller solicitou unha orde de afastamento e, para analizala, ese mesmo día o mozo foi citado no Xulgado de Instrución número 4 de Cambados (Pontevedra) para tomarlle declaración.
Tras escoitar o testemuño da vítima, a maxistrada rexeitou impoñer a orde de afastamento solicitada pola denunciante, á que tamén se opuxo o fiscal.
A xuíza considera que non se dá unha situación obxectiva de risco e advirte que existen dúas versións contraditorias sobre os feitos.
Estes feitos non están a ser investigados como violencia de xénero, xa que ambos non manteñen nin mantiveron ningunha relación sentimental, senón como agresión sexual en virtude da Lei 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como 'só si é si'.