Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan o incendio intencionado dunha lancha en Camariñas

Investigan o incendio intencionado dunha lancha en Camariñas

A Policía Científica buscará restos dun posible acelerante

G24.gal 16/02/2026 14:13

Aínda cheira a queimado, e non é para menos, porque as lapas cebáronse nela. Ardeu en tres tempos.

"Segundo me dixeron ardeu ás tres da mañá. Viñeron os bombeiros, apagárono pero ás dez volveu arder e tiveron que axudarme a remolcala e todo. Trouxémola para esta rampla e reavivou outra vez no náutico. Tres veces. Non se apagaba", lamenta David Mouzo, patrón e armador do barco. 

Levaba un mes amarrada a porto, coma o resto da frota. Descártase un accidente.

"Soa non arde. Se non lle meter lume non arde, non sei", engade Mouzo.

A Policía Científica buscará restos dun posible acelerante.

"Ao ser fibra e estar quente, arde seguido", explica o armador.

A pé de porto fálase, sospéitase, especúlase cunha posible vinganza, cun axuste de contas, porque a lancha tamén é propiedade dun dos coñecidos como os Xemelgos de Carballo, dous irmáns que estiveran relacionados co narcotráfico. 

"Ese aquí non ven a nada. Eu non teño inimigos, lévome bastante ben con todo o mundo", defende David Mouzo.

Andaban ás nasas e ao palangre, á baixura en xeral, pero sobre todo ao polbo. Contaban con poder volver ao mar en canto calmara o tempo, pero non vai poder ser. É un golpe duro.

"O motor foi feito de novo e a electricidade tamén se fixo de novo hai dous anos. Estaba noviña", sinala o armador, antes de estimar as perdas nuns 100.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade