Investigan a orixe duns ósos humanos atopados nun saco no cemiterio das Pontes
A Policía Local cre que non é un acto fortuíto e pensa que foron depositados no lugar
Os restos óseos apareceron nunha pequena construción de ladrillo. E foi cando unha pá se dispuña a facer unha burato para plantar unha árbore. "Cando foron a comprobala, viuse que era un saco de cor azul dos que se usaban para o sal das matanzas, e viron que estaban os ósos", explica Anselmo Pellón, xefe da Policía Local das Pontes.
"Aparentemente estaban bastante deteriorados. Non son os típicos dun esqueleto que te encontras no instituto no laboratorio", di Pellón. "Os policías que os viron din que podían ser de máis dunha persoa, parece ser que se ve a parte do cranio desprendido da mandíbula".
Logo de comprobar que se trataba de ósos humanos alertaron a Garda Civil, que os custodiaron ata que chegou o médico forense. "Ditaminou que se enviasen a Ferrol para examinalos. E de momento é o que sabemos. Que non foi unha cousa fortuíta porque foron depositados, non sabemos as circunstancias", di o xefe de policía.
O caso é que este achado encheu de intriga e misterio os veciños das Pontes.
Desde o Concello están pendentes dos resultados das análises do ADN para poder identificalos.