Investigado por un delito de odio o dono dun bar de Vigo que expulsou turistas israelís
Asegura que os clientes se estaban comportando de maneira agresiva e provocadora: "Se matades palestinos, ide comer a Gaza"

O Xulgado de Instrución Número 4 de Vigo citou a declarar como investigado como presunto autor dun delito de odio ao dono do restaurante de Vigo que expulsou turistas israelís da súa terraza. Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), acudirá ante o xuíz nas próximas semanas.
A comezos de xullo, a Policía Nacional remitiu un informe á Fiscalía por un posible delito de odio por parte do responsable do establecemento, ao expulsar da terraza do local un grupo de turistas israelís.
Foi el mesmo quen gravou un vídeo no que se ve como bota este grupo da terraza mentres lles afea que apoien a acción do seu Goberno en Gaza. "Se matades palestinos, ide comer a Gaza", recriminoulles.
O hostaleiro, Samir Slim, de orixe libanesa, explicou aos medios de comunicación que a súa reacción se debeu a que os clientes se estaban comportando de maneira agresiva e provocadora. De feito, no vídeo escóitase a algún dos turistas gritar "Viva Israel!", ao que o agora investigado respondeu "Viva Palestina libre!".