Incerteza entre os pasaxeiros que ían a bordo do Iryo: "Hai fume e están pedindo un médico"
Entre os dous trens sumaban preto de 500 pasaxeiros
Nun primeiro momento moitos deles non eran conscientes da gravidade do que acababa de pasar
Un dos pasaxeiros do tren Iryo gravou varios vídeos no interior do vagón en que viaxaba, o número cinco. Os vagóns seguintes, 6-7 e 8, son os que descarrilaron e chocaron contra o Alvia, pero nun primeiro momento, ninguén podía imaxinar o que estaba pasando.
"Hai fume e están pedindo un médico", publica nas redes sociais, mentres ao seu arredor, o resto dos pasaxeiros semellan desconcertados.
Móbil en man, intentan informar os seus de que están ben, mentres buscan a saída dun vagón iluminado unicamente polas luces de emerxencia.
"As baterías dos móbiles: coidado coas lanternas, porque se van precisar despois", explícalles un dos traballadores da compañía. "Cando consideremos que é seguro saír, farémolo. De momento é máis seguro estar no tren porque non sabemos como están as vías dos lados".
Os pasaxeiros non o sabían, pero el xa viña doutros vagóns e coñecía o alcance do impacto."Se alguén ten coñecementos de primeiros auxilios, que estea pendente das demais persoas do coche", solítalles aos pasaxeiros.
A evacuación completouse contra as tres da madrugada. Unha vez fóra, Adri Vélez gravou este vídeo, o último que publicou do accidente e onde se fixo plenamente consciente da gravidade da situación que acababan de vivir.