Hamas liberará a todos os reféns pero pide negociar o plan de paz
O grupo islamita afirma que entregará os prisioneiros israelís, vivos ou mortos, se se cumpren as condicións do intercambio
Trump esixe a Israel que deixe de bombardear Gaza para negociar a saída dos reféns

O grupo islamita palestino Hamas anunciou este venres que decidiu liberar todos os reféns israelís baixo os termos expresados polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e mostrou a súa disposición a negociar de inmediato os detalles do acordo de paz.
A organización asegurou que tomou a decisión tras un estudo exhaustivo e co obxectivo de acadar o cesamento das hostilidades. Indicou que, nese contexto, acorda liberar todos os prisioneiros israelís, tanto vivos como mortos, sempre que se cumpran as condicións sobre o terreo para o intercambio.
Hamas expresou tamén a vontade de iniciar negociacións inmediatas a través de mediadores para concretar os termos do plan. Ademais, reiterou o seu acordo para entregar a administración da Franxa de Gaza a un organismo palestino de independentes, con base no consenso nacional palestino e co apoio árabe e islámico.
Trump esixiulle a Israel que deixe de bombardear Gaza para negociar a saída dos reféns.
"Baseándome na declaración que acaba de facer Hamas, creo que están listos para unha paz duradeira. Israel debe parar de bombarcear Gaza inmediatamente para que poidamos sacar os reféns de xeito seguro e rápido", dixo o presidente norteamericano nunha mensaxe en redes sociais.
"Based on the Statement just issued by Hamas, I believe they are ready for a lasting PEACE. Israel must immediately stop the bombing of Gaza, so that we can get the Hostages out safely and quickly... this is about long sought PEACE in the Middle East." - President Trump pic.twitter.com/OKPYBmW5ql
— The White House (@WhiteHouse) October 3, 2025
"Xa estamos a negociar os detalles que aínda deben resolverse. Non se trata só de Gaza, trátase da tan ansiada paz en Oriente Medio", engadiu.
Na mesma plataforma, o mandatario publicou o comunicado de Hamas no que o grupo aceptou a súa proposta. Trump gravou ademais unha mensaxe en vídeo sobre as negociacións con Hamas que será difundida nas próximas horas, informou a Casa Branca.
Plan de Trump para Gaza
Segundo o comunicado do grupo, a proposta de Trump sobre o futuro da Franxa e os dereitos inherentes do pobo palestino está vinculada a unha postura nacional integral e baséase en leis e resolucións internacionais pertinentes. O texto engade que se debaterá nun marco nacional palestino amplo, no que HAMAS participará con plena responsabilidade.
Este mesmo venres, Trump fixou a Hamas un prazo ata o domingo ás 18.00 horas de Washington (22.00 GMT) para aceptar o plan de paz. Advertiu de que, en caso contrario, se desatará un inferno como nunca antes se viu contra o grupo islamita. Nunha mensaxe publicada na súa rede social, Truth Social, esixiu a liberación inmediata de todos os reféns, incluídos os corpos dos falecidos.
O plan de 20 puntos presentado o luns na Casa Branca, xa aceptado polo primeiro ministro israelí, Benxamín Netanyahu, propón o fin inmediato da guerra, a liberación dos reféns de Hamas e a creación dun goberno de transición para Gaza, supervisado por Trump e polo ex primeiro ministro británico Tony Blair.
A folla de ruta contempla tamén a desmilitarización da Franxa e a posibilidade de negociar no futuro un Estado palestino, opción que Netanyahu rexeita.