Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hai horizonte, por María Bastida

OPINIÓN

Hai horizonte, por María Bastida

María Bastida 15/10/2026 07:46

Volvemos co tema da vivenda, desta volta en positivo. Porque estamos tan afeitos a falar de prezos imposibles e alugueiros disparados que case nos resignamos a pensar que é un problema sen solución. E resulta que hai cidades que están demostrando que si a ten.

Viaxemos ás antípodas. A Auckland, a cidade máis grande de Nova Zelandia. Hai uns anos, a súa poboación medraba, chegaba xente de fóra, aumentaba a demanda de vivenda e os prezos disparábanse. Nada que non nos soe. Que fixeron? Cambiaron as normas para permitir construír máis vivendas no solo que xa tiñan. Por exemplo, onde antes só se podía construír unha casa unifamiliar, empezaron a permitirse varias vivendas. E nalgunhas zonas autorizáronse edificios máis altos. É dicir, en vez de agardar a desenvolver novos barrios nos arredores, decidiron aproveitar mellor a cidade que xa existía. E que pasou? Pois que se empezou a construír moito máis. En cinco anos, os permisos para novas vivendas por habitante practicamente se duplicaron respecto do que se estima que tería ocorrido sen a reforma. E os estudos calculan que, oito anos despois, os alugueiros eran un 23 % inferiores aos que serían se non se cambiasen as normas. Ollo, non quere dicir que baixasen un 23 %, senón que se evitou que subisen tanto.

Imos agora a Austin, en Texas. Outra cidade que medrara moitísimo e onde atopar vivenda se estaba convertendo nun problema serio. Alí tamén facilitaron a construción, permitindo máis vivendas en determinadas parcelas e simplificando as normas urbanísticas. Entre 2015 e 2024, Austin aumentou o seu parque de vivendas un 30 %. E despois de anos de subidas, os alugueiros empezaron a baixar. Non por decreto, senón porque empezaron a existir máis alternativas para quen buscaba casa.

E que podemos aprender nós? Pois, para empezar, que non sempre fai falta buscar solo novo e construír unha cidade desde cero. Ás veces temos soares onde se podería construír máis, edificios que poderían gañar algunha planta, inmobles que poderían transformarse en vivendas ou parcelas onde só permitimos unha casa cando poderían caber varias. Por suposto, construír máis esixe planificación. Fan falta transportes, servizos, saneamento e equipamentos. E tamén financiamento, empresas construtoras e seguridade xurídica. Ninguén está dicindo que sexa tan sinxelo como permitir levantar tres plantas máis.

Pero o exemplo destas cidades demostra que a escaseza de vivenda non é necesariamente unha condena. Que as normas poden cambiarse. E que, cando facilitamos que a oferta responda ás necesidades da poboación, os resultados poden notarse. A vivenda ten solución. E unha parte importante desa solución consiste, sinxelamente, en permitir que se constrúan máis vivendas onde a xente quere vivir. E facilitalo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos