Guía do certificado covid por comunidades para viaxar na ponte
Non é requisito para moverse por Madrid, Castela A Mancha, Castela e León, Estremadura, Asturias e A Rioxa
No País Vasco entra en vigor o decreto de emerxencia sanitaria que pode aplicar medidas

Calcúlase que uns 8 millóns de españois van desprazarse nesta ponte da Constitución, no medio da incertidume e da preocupación polo aumento dos contaxios pola variante ómicron.
E coa obriga do pasaporte covid, cada máis estendida polas diferentes comunidades. As esixencias son diversas segundo os territorios.
Comunidades sen pasaporte covid
Polo momento non é requisito para moverse por Madrid, Castela A Mancha, Castela e León, Estremadura, Asturias e A Rioxa.
Andalucía quere impoñelo pero aínda non está vixente mentres en Cantabria está previsto solicitalo.
No País Vasco entra en vigor o decreto de emerxencia sanitaria que pode aplicar medidas. Nas demais comunidades poden reclamalo aínda que en circunstancias diferentes.
Comunidades con pasaporte covid
En Aragón é necesario en bares, restaurantes, salas de festas, discotecas e eventos.
En Cataluña hai que presentalo en bares, restaurantes, ximnasios, residencias de maiores, ocio nocturno e locais onde haxa baile.
En Valencia pídese en restauración, hostalería, ocio nocturno en locais de máis de 50 persoas ... e en eventos de máis de 500 persoas, ademais deas residencias e hospitais.
En Galicia cómpre telo para ocio nocturno, albergues, hospitais e restaurantes, e tamén nos bares e cafeterías desde as nove da noite.
En Murcia só será necesario para os locais de ocio con aforo do cen por cen.
En Navarra hai que amosalo nas discotecas e restaurantes de máis de medio cento de persoas.
Nas Baleares é necesario para entrar nos restaurantes de máis de 50 persoas, nas discotecas e nos centros de maiores.
Nas illas Canarias pídese nos aeroportos e nos locais depende do establecemento e dos aforos.