Gómez Besteiro será cabeza de lista do PSdeG ao Congreso por Lugo
Gómez Besteiro será cabeza de lista do PSdeG ao Congreso por Lugo
Gómez Besteiro é delegado do Goberno desde o pasado mes de marzo e cesará no cargo de forma inminente
O actual delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, será cabeza de lista do PSdeG ao Congreso por Lugo.
Gómez Besteiro é delegado do Goberno desde o pasado mes de marzo e cesará no cargo de forma inminente con motivo da súa proclamación como candidato.
A próximo cabeza de lista por Lugo xa presidiu a Deputación lucense e liderou o PSdeG ata que as causas de suposta corrupción, agora arquivadas, apartárono da política desde o 2016 ata marzo deste ano.
É o décimo segundo home no cargo de delegado do Goberno en Galicia, que aínda non foi desempeñado, máis que de forma interina, por ningunha muller.
Co seu cesamento e mentres non exista un novo nomeamento, quedará no cargo a actual subdelegada na Coruña, María Rivas, cunha dilatada experiencia na política local e na propia Delegación, con responsabilidades desde 2018 cos tres últimos titulares.
Doutra banda, o exdelegado e ministro de Sanidade, José Miñones, será o cabeza de list pola Coruña. Tras a perda da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva podería ir de número un ao Congreso ou mesmo ao Senado. E por Ourense, a candidatura estaría liderada polo candidato á alcaldía, Francisco Rodríguez, ou Natalia González, secretaria da agrupación local.
Xaquín Fernández Leiceaga deixa a política
Xaquín Fernández Leiceaga non tomará posesión como concelleiro en Santiago. Despídese tamén da política nacional ao abandonar o seu escano no Senado. E anuncia que se reincorporará á súa praza de profesor na Universidade de Santiago. Leiceaga foi candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galicia en 2016.