Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno estuda limitar ao 2 % a actualización dos alugueiros no decreto de axudas pola guerra

O Goberno estuda limitar ao 2 % a actualización dos alugueiros no decreto de axudas pola guerra

Ese tope que propón a parte socialista do Goberno, e considerado insuficiente por Sumar, xa estivo vixente durante 21 meses vinculado a guerra de Ucraína 

Para a vicepresidente Iolanda Diaz é "de sentido común" que a conxelación do prezo dos alugueiros sexa unha das medidas incluídas no plan de resposta ante a guerra de Irán

Sánchez comparece o venres para explicar o plan fronte á crise causada pola guerra

EFE/ Javier Belver EFE/ Javier Belver
G24.gal 17/03/2026 17:53

O Goberno contempla a posibilidade de limitar ao 2 % a actualización anual do prezo dos alugueiros residenciais asinados antes da entrada en vigor da lei de vivenda (26 de maio de 2023); unha medida que se incluiría dentro do decreto lei de resposta ás consecuencias económicas da guerra en Oriente Medio, que ten previsto aprobar este venres.

Medida proposta polo PSOE aos seus socios de Sumar 

O PSOE ofreceu a Sumar incluír esta medida, ante a presión que está a exercer o seu socio para incorporar no decreto a prórroga dos contratos de arrendamento que vencen este ano, aseguran a EFE fontes coñecedoras da negociación.

O tope extraordinario do 2 % que propoñen os socialistas xa se aprobou en 2022, daquela vinculado á guerra de Ucraína, e estivo vixente, mediante prórrogas, durante 21 meses, ata finais de 2023. O Tribunal Supremo, nunha sentenza do pasado xaneiro, avalou a constitucionalidade desta medida, que en Sumar consideran "absolutamente insuficiente".

Os contratos de alugueiro anteriores á entrada en vigor da lei de vivenda actualízanse co IPC interanual, que en febreiro se situou no 2,3 %, mentres que os posteriores actualízanse co índice para alugueiros, que en febreiro subiu ao 2,16 %.

Para sumar esa limitación na suba dos alugueiros é insuficiente 

 A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, defendeu que é "de sentido común" que a conxelación do prezo dos alugueiros sexa unha das medidas do plan de resposta ante os efectos económicos da guerra contra Irán.

"Nas sucesivas crises conxelamos os prezos dos arrendamentos e isto é o que estamos a pedir, creo que isto é de sentido común", afirmou nos corredores do Senado.

Para Sumar esta medida é insuficiente, aínda que Díaz aclarou que a negociación co PSOE segue en marcha nun contexto no que é "evidente que están a subir os prezos non só do gasoil e da gasolina, senón tamén da cesta da compra".

"Calquera de vostedes sabe que satisfacer un arrendamento en calquera cidade de España, non só en Madrid ou en Barcelona ou nas grandes cidades como Sevilla ou Valencia, hoxe é misión imposible", engadiu Díaz respecto diso.

​​​​​Pola súa banda, a portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Barbeiro, insistiu en rolda de prensa en que a prórroga dos contratos é para eles a "prioridade absoluta" na negociación e a "medida central" na que están a poñer todo o seu empeño.

Moratoria para desafiuzamentos vulnerables 

Sumar ademais coordinouse cos socios parlamentarios da esquerda para pedir ao PSOE que inclúa tamén no decreto do venres a moratoria dos desafiuzamentos de familias vulnerables sen alternativa habitacional, derrogada o pasado febreiro pola maioría parlamentaria que suman o PP, Vox e Junts.

Fontes próximas á negociación sinalan, con todo, que os socialistas tamén se resisten a incluír esta medida no decreto e que só aceptan incorporala se afecta unicamente os colectivos "supervulnerables". Alegan, entre outras cousas, que Junts e o PNV "non o ven" e que os seus votos son imprescindibles para validar o decreto.

A este respecto, o portavoz adxunto de Sumar no Congreso, Alberto Ibáñez (Compromís), chamou aos empresarios que piden axudas públicas ao Goberno a que presionen ao PNV e Junts para que cedan.

Negociación longa 

Ibáñez apuntou, en rolda de prensa, que na negociación co PSOE incorporaron tamén as medidas de protección ás vítimas da Dana de Valencia que se "tombaron" no anterior decreto do chamado escudo social.

Desde Sumar prevén que a negociación co seu socio "vai ser longa ata o venres" e confían en que o PSOE inclúa no último momento a prohibición dos cortes de subministracións básicas ás familias vulnerables, que si apoiarían o PNV e Junts.

Segundo as fontes, o PSOE quere centrar as medidas do decreto en enerxía, fertilizantes e agricultura e axudas ao transporte profesional, cunha rebaixa fiscal do imposto especial de hidrocarburos, en lugar das subvencións directas polas que optou en 2022 coa guerra de Ucraína. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade