Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno alemán defende a súa decisión sobre AfD fronte ás acusacións de Rubio

O Goberno alemán defende a súa decisión sobre AfD fronte ás acusacións de Rubio

A Oficina para a Protección da Constitución acordou clasificar como extremista o partido Alternativa por Alemaña

Nas eleccións xerais anticipadas do 23 de febreiro, AfD foi a segunda forza máis votada, cun 20,8 % dos votos

Simpatizantes de Alternativa por Alemaña nun mítin en Berlín en febreiro. REUTERS/Christian Mang Simpatizantes de Alternativa por Alemaña nun mítin en Berlín en febreiro. REUTERS/Christian Mang
G24.gal 03/05/2025 10:22 Última actualización 03/05/2025 10:53

O Ministerio de Asuntos Exteriores alemán defendeu como democrática a decisión dos servizos de seguridade xermanos de clasificar como extremista o partido ultradereitista Alternativa por Alemaña (AfD), en resposta ás declaracións do secretario de Estado norteamericano.

Marco Rubio cualificara este venres a resolución de "tiranía disfrazada" nas súas redes sociais.

"Isto é a democracia. A decisión é o resultado dunha investigación exhaustiva e independente para protexer a nosa constitución e o Estado de dereito", respondeu a conta en inglés do Ministerio en X.

"Serán tribunais independentes os que teñan a última palabra. Aprendemos da nosa historia que o extremismo de extrema dereita debe ser detido", remachou o Ministerio que dirixiu durante a última lexislatura a verde Annalena Baerbock e que a vindeira semana pasa ás mans do conservador Johann Wadephul.

Tiranía disfrazada

"Alemaña acaba de outorgarlle á súa axencia de espionaxe novos poderes para vixiar a oposición. Iso non é democracia, é unha tiranía disfrazada", expresou o venres en redes sociais o xefe da diplomacia estadounidense.

Rubio agregou que non é a "popular" AfD a que en realidade é extremista, senón máis ben as "letais" políticas de inmigración propugnadas polo establishment ao que esta forza se opón e concluíu que "Alemaña debería cambiar de rumbo".

A Oficina para a Protección da Constitución (BfV), os servizos de seguridade do interior, decidiron clasificar este partido como extremista de dereitas o venres pasado.

Vixilancia estreita

A nova clasificación, que permitirá vixiar máis estreitamente a formación, baséase na consideración de que os seus obxectivos e valores son incompatibles coa constitución alemá.

Segundo explicou este venres a ministra do Interior en funcións, Nancy Faeser, a súa concepción étnica da nacionalidade e a consecuente discriminación das persoas de orixe estranxeira non colle dentro da súa lei fundamental.

Principal forza da oposición

Nas eleccións xerais anticipadas do 23 de febreiro, AfD foi a segunda forza máis votada, cun 20,8 % dos votos, polo que na nova lexislatura exerce como principal forza da oposición.

Segundo algunhas enquisas, desde entón podería converterse mesmo en primeira forza en intención de voto, por diante dos conservadores de Friedrich Merz, que será investido previsiblemente chanceler a semana que vén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade