García pide a repatriación a Marrocos dos menores de Ceuta: "Galicia non ten capacidade residencial"
García pide a repatriación a Marrocos dos menores de Ceuta: "Galicia non ten capacidade residencial"
A conselleira de Política Social reclámalle diálogo ao Goberno, máis financiamento, unha política migratoria clara e que se reforce o control das fronteiras
"Galicia non ten capacidade residencial" para acoller os menores que entraron ilegalmente en Ceuta. Así o di a conselleira de Política Social, Fabiola García, que critica a falta de diálogo por parte do executivo.
García asegura que o Goberno "está deixando sós os cidadáns de Ceuta" e reclama unha "política migratoria clara, sensata e consesuada" coas comunidades autónomas.
Nunha entrevista no Bos días, a titular de Política Social reclamaba que os menores migrantes regresen a Marrocos coas súas familias, e insiste en que a nosa comunidade non ten capacidade de acollida.
García critica a falta de diálogo do Goberno coas comunidades autónomas e considera insuficiente a primeira axuda de 25 millóns de euros concedida polo Goberno a Ceuta para facer fronte a crise migratoria.
Reclama consenso dentro da capacidade residencial de cada territorio e tamén claridade e financiamento. Aféalle ao Goberno o "espectáculo" ofrecido polos ministros do Goberno dando cifras diferentes desta crise.
A conselleira sinala que Galicia conta cun sistema de acollemento de menores "exemplar" que leva anos funcionando formado por 80 casas que dan acubillo a estes nenos e nenas menores de idade pero explica que "cando hai imposicións e envíos extraordinarios obrígannos a crear recursos específicos". Por iso insiste nunha idea: "Podemos acoller menores se hai financiamento e diálogo co Goberno".