Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia pode converterse nun 'hub' de produción e distribución de hidróxeno verde, por María Cadaval

OPINIÓN

Galicia pode converterse nun 'hub' de produción e distribución de hidróxeno verde, por María Cadaval

G24.gal 09/12/2022 08:00

O Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático acaba de destacar o importante papel que pode desempeñar a produción de hidróxeno verde na redución de emisións de CO₂, un dos obxectivos directos da descarbonización. Segundo BloomberNEG, no ano 2050, a cuarta parte das necesidades enerxéticas do mundo poderían ser satisfeitas polo hidróxeno, mais para que iso sexa un feito precisa dunha aposta clara e decidida, así como contar con outras fontes de enerxía limpas que sirvan para producir o hidróxeno a partir das materias primas necesarias.

O hidróxeno é o elemento máis común do universo, nada menos que é o combustible que utilizan as estrelas para producir a fusión nuclear. O seu uso leva asentado na industria décadas, mais é agora cando o seu desenvolvemento masivo pode ser un feito.

A forma en que se atopa o hidróxeno é o estado gasoso, adoita combinarse con outros elementos coma o osíxeno ou o carbono e, dependendo da fonte de enerxía aplicada para obter o hidróxeno final, hai toda unha secuencia de clasificacións por cores que reflicte o nivel de emisións asociada á súa produción. O hidróxeno verde é aquel que se obtén a partir das enerxías renovables, xeralmente cun proceso de electrólise e sen emisións de gases de efecto invernadoiro. Malia que é unha enerxía moi coñecida no mundo industrial non o é na xeración masiva.

De igual xeito que despois da Guerra do Yom Kippur (1973) os países decidiron crear reservas estratéxicas de petróleo, moitos lugares están agora a planear a necesidade de crear reservas estratéxicas de hidróxeno, para o que España e Galicia en particular contan cun potencial diferenciador tanto na produción a través de enerxías limpas coma no seu transporte por mar da nova enerxía, para o que Galicia, de novo, ten unha localización e dotación de portos privilexiada.

A día de hoxe, a produción do hidróxeno verde é mais custosa que a do azul (producido con combustibles fósiles con técnicas capaces de capturar e almacenar as emisións de CO₂ que se producen), entre tres e oito dólares por quilogramo o primeiro fronte aos 1,7 dólares o segundo no ano 2021. Mais o custo de produción do hidróxeno podería caer a un terzo destes niveis se se realiza un exercicio de investimento, innovación tecnolóxica e produción aproveitando as economías de escala, facéndoo competitivo en custo fronte ao hidróxeno gris (aquel que se produce con combustibles fósiles), sobre todo se segue o encarecemento do gas natural. Segundo as previsións da Axencia Internacional da Enerxía, o hidróxeno verde será mais barato que o azul en 2030, malia que o obxectivo é que ambos os dous poidan ser competitivos.

Unha das vantaxes que o hidróxeno ten fronte a outro tipo de enerxías limpas é que se pode almacenar até o seu consumo e tamén se poden conservar os excedentes que se producen, cousa que non sucede con outro tipo de enerxías. Así mesmo, abre unha oportunidade para o transporte e o comercio deste combustible entre distintos países, pois será chave para a descarbonización de industrias difíciles de electrificar, como pode ser a siderurxia, a industria petroquímica ou a química.

Galicia conta con todos os elementos necesarios para converterse nun hub de produción de hidróxeno verde, o que podería xerar miles de empregos directos e indirectos. O 75 % do consumo eléctrico galego procede de fontes limpas, unha porcentaxe que se pode achegar ao 90 % ao final desta década, cun peso moi importante do recurso hídrico, imprescindible para a súa produción. Importante produción de enerxía renovable, moita auga e un tecido de coñecemento e empresarial á vangarda na investigación e investimento. Un investimento que terá que multiplicarse nos vindeiros anos para que o hidróxeno acabe chegando aos grandes consumidores, á industria, pero tamén ás grandes flotas e ao transporte pesado. A súa expansión no transporte lixeiro estará condicionada pola extensión do parque de estacións de hidróxeno.

Hoxe mesmo celébrase en Alacante o Cumio Euromediterráneo para avanzar no desenvolvemento do corredor submarino do hidróxeno verde H2Med, inicialmente chamado BarMar, no que se dan cita os xefes de goberno de España, Francia e Portugal e mais a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen. A reunión vai servir para ultimar os detalles do hidroduto que transportará hidróxeno entre Barcelona e Marsella, que se pretende financiar ao 50 % cos Fondos Europeos (Connecting Europe Facility ou Mecanismo para Conectar Europa) especiais que a Unión Europea destina a implementar as redes transeuropeas de enerxía. O H2Med pode chegar a transportar até o 10 % do obxectivo total de hidróxeno renovable fixado por Bruxelas no plan RePower EU de cara ao 2030.

No tocante á chegada de fondos europeos para que Galicia desenvolva a súa potencialidade neste eido, prevé até o de agora financiamento para tres proxectos a través do PERTE das Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e almacenamento. Trátase de plantas de hidróxeno e metanol verde nas Pontes, Caldas e Vigo, onde destaca a promovida por Reganosa e EDP, que conseguiron o apoio de 24 millóns de euros. Quedaron pendentes nesta primeira rolda de repartición proxectos tan importantes coma o de Punta Langosteira, por exceder o importe previsto, mais todo apunta a que vai haber futuras convocatorias en que teñan cabida este e outros grandes proxectos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade