Galicia lidera a vacinación dos maiores de 80 anos, malia que aínda faltan un de cada tres
Galicia lidera a vacinación dos maiores de 80 anos, malia que aínda faltan un de cada tres
As tres semanas de campaña lograron chegar a un 68 % na comunidade, cando a media española está nun 34 %
O 90 % dos que acudiron a inmunizarse puxeron as dúas vacinas: contra a covid e antigripal
A campaña de vacinación conxunta da covid e da gripe en maiores de 80 anos avanza sen reaccións adversas importantes pola súa administración conxunta.
O 90 % das persoas que acudiron aos grandes recintos puxeron as dúas vacinas: a da covid e a da gripe. Nos primeiros dez días de campaña, o 70 % dos maiores acudiron a poñer a súa cuarta dose contra o coronavirus.
A utilización dos grandes recintos para administrar a cuarta dose ás persoas de máis idade traduciuse nun éxito, polo menos canto a números.
Galicia dobra a media do conxunto de España na inmunización dos maiores de 80 anos, e tamén no grupo de 70 a 79, que mesmo a triplica. Só os datos de Asturias son comparables no segmento de máis idade.
En Galicia recibiron a vacina da covid, e na maioría dos casos a da gripe, 162.067 persoas, de 80 ou máis anos, o 68,61 % do total. Polo tanto, faltan practicamente un de cada tres que non foron aos grandes recintos e que teñen a posibilidade de recibir a inxección en centros máis próximos aos seus domicilios.