Galicia iniciará o 25 de setembro a vacinación contra o virus respiratorio sincitial
O virus sincitial é o causante da bronquiolite que cada ano provoca milleiros de consultas médicas e ingresos hospitalarios
O presidente da Xunta Alfonso Rueda enmarca a iniciativa dentro das medidas para apoiar as familias
O 25 de setembro, en tres semanas, vai comezar a campaña do Sergas para inmunizar contra o virus respiratorio sincitial os menores de dous anos. Anunciábao este martes o presidente da Xunta Alfonso Rueda no acto de inicio de curso das escolas infantís.
Rueda destacou que Galicia vai ser pioneira na protección dos bebés contra este virus que, entre outras doenzas, provoca a bronquiolite.
Esta campaña de vacinación alcanzará tamén aos bebés nados a partir do 1 abril deste ano (que serán citados entre o 2 e o 15 de outubro). Tamén serán inmunizados os menores prematuros (nacidos desde o 1 de outubro de 2021) e os menores de dous anos que sexan considerados de alto risco por padecer patoloxías como displasia broncopulmoar ou cardiopatías.
Alfonso Rueda enmarcou esta iniciativa dentro das medidas da Xunta para apoiar ás familias, entre as que tamén destacou as iniciativas para facilitar a conciliación, como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos.
"Por segundo ano consecutivo, Galicia vai ser a única Comunidade na que a educación infantil vai ser gratuíta para todas as familias e en todos os centros", proclamou, e lembrou que estas condicións rexen en máis de 500 escolas infantís de Galicia, que suman máis de 31.000 prazas.
Segundo subliñou, o goberno galego destina 55 millóns de euros para implantar esta gratuidade, e destacou que, para afrontar o reto demográfico, "uns teorizan" mentres que a Xunta "toma medidas concretas". "Un país que coida os seus habitantes máis pequenos, que coida o seu futuro, é un país con futuro", proclamou.