Galicia amosa a solidaridade coas vítimas do sinistro en Urda
Por todo o país sucedéronse durante toda a mañá as mostras de condolencia cos afectados polo accidente ferroviario
Traballadores de Renfe na estación de Santiago (EFE/Lavandeira jr)
Galicia rexistrou nesta xornada novas convocatorias de minutos de silencio para expresar a solidariedade coas vítimas e as súas familias do accidente ferroviario en Urda (Toledo).
En todas as estacións de tren os traballadores de Renfe pararon o seu traballo ás 12:00 durante cinco minutos, nuns actos de pesar aos que se sumaron moitos viaxeiros.
No Parlamento de Galicia, tanto o persoal da Cámara como os representantes de todos os grupos políticos saíron ás escaleiras do Pazo do Hórreo onde gardaron un minuto de silencio, encabezados polo presidente do Lexislativo galego, Miguel Santalices.
Un dos asistentes era Andrés Lago Louro, presidente do Consello Consultivo de Galicia, quen fora xuíz instrutor do accidente de Angrois, e que enviou unha mensaxe de apoio e solidariedade: "Non hai consolo posible", dixo.
Tamén en Santiago, ante a sede da Xunta de Galicia en San Caetano, o presidente Alfonso Rueda reiterou "a solidariedade de todo o pobo galego", e pediu ao Goberno que investigue "de verdade" as causas do accidente ferroviario.
Na Coruña, ante a Delegación do Goberno, o seu responsable, Pedro Blanco, trasladaba as condolencias aos familiares e achegados das vítimas: "Desde Galicia queremos trasladarlles que estamos con eles e que desexamos que sintan arroupados en todo momento", sinalou.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, expresou este xoves desde Lugo a “profunda dor do socialismo galego” polo accidente ferroviario, onde participou no minuto de silencio que se gardou polas vítimas da traxedia.
Desde o BNG, a súa voceira nacional, Ana Pontón, quen tomou parte no minuto de silencio no Parlamento de Galicia, demandaba desde a súa conta en X a "verdade, xustiza e reparación". "Era o que reclamaban as vítimas do Alvia, e é o que hoxe volvemos pedir", dicía Pontón.
"O corazón de Angrois está con todos vós", din desde o barrio compostelán
"O corazón de Angrois está con todos vós", reza a mensaxe que en solidariedade con afectados pola traxedia ferroviaria de Urda colgou en Facebook a veciñanza do barrio compostelán que o 24 de xullo de 2013 prestou auxilio tras descarrilar nese lugar un Alvia e provocar 80 mortes.
"O barrio de Angrois únese á traxedia do accidente de tren en Toledo", cuxo saldo se elevou a 69 falecementos, di o comentario que recolle un sincero pésame para os familiares dos que xa non están e o desexo dunha pronta recuperación para as decenas de feridos.
"Sabemos moi ben a dor destes momentos e o corazón de Angrois está convosco", é a frase final que vai unida a unha foto cun crespón negro, trens, unha vela e flores coa lenda "En memoria dos falecidos. Amor e fortaleza para as familias e feridos".