Gabri Veiga colle a remuda de Aspas no corazón do celtismo
Na súa primeira temporada na elite xa leva oito goles e tres asistencias
Con vinte anos, Gabri Veiga é unha das sensacións do campionato, o home de moda no Celta. Os seus números son excelentes: oito goles e tres asistencias. É o cuarto máximo realizador español, a só un gol do seu referente Iago Aspas.
Nunha tarde de Gabri Veiga camiño do estrelato cobrou máis sentido o saque de honra de Eusebio Sacristán, o técnico que apostou pola canteira, por Iago Aspas, por Hugo Mallo.
A saga continúa. O porriñés foi protagonista contra o Valladolid: Primeiro serviulle o gol de cabeza a Seferovic, que marcou tamén coa testa o seu primeiro gol na súa primeira titularidade. Gabri dedicoulle a asistencia a Carvalhal, que falaba hai poucos días do seu déficit no xogo de cabeza.
Á media hora fixo o segundo, esta vez coa dereita tras a deixada de Aspas para Carles e tras quedarlle en bandexa o balón. Galán protagonizou a xogada do terceiro, que inica Aspas e tamén finaliza Veiga con Balaídos rendido aos seus pés.