Fin do carné de conducir indefinido para maiores de 65
A DXT endurece as condicións para a renovación do permiso, establecendo probas psicolóxicas e médicas máis exhautivas
A partir dos 70 anos haberá que renovalo cada dous anos
Un de cada catro mortos en accidente de tráfico é maior de 65 anos, pese a representar só o 16 % do total dos condutores. Por iso, a DXT quere poñer fin ao carné indefinido para eles. A nova normativa reduce o tempo de validez do carné segundo avanza a idade.
A favor das novidades da Dirección Xeral de Tráfico está o director da Autoescola Faro Andrés Bugallo: "Queren poñer ata os 65 como estaba, despois de 65 a 70 cada 5, e a partir de 70 cada dous. Pero, sobre todo, o importante é que endurecen as probas e adáptanas un pouco máis a ese público maior que ten unhas caracterísitcas que poden empeorar con moita rapidez para intentar que a xente que renova o carné de conducir si estea en verdadeiras condicións de conducir".
Os maiores de 65 agora deberán superar probas médicas e psicolóxicas máis exhaustivas que os psicotécnicos actuais. Agora deberán amosar agudeza visual, reflexos e coordinación motora, e non presentar deterioración cognitiva ou problemas cardiovasculares e neurolóxicos. Algúns dos condutores veteranos asúmeno con resignación, pero moitos non.
En prol desa seguridade viaria, se un condutor non pasa eses controis, a DXT poderá denegarlle o permiso de conducir ou renovalo con limitacións, por exemplo, prohibindo conducir de noite ou en autoestradas.