Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fernando Castro gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Aniversario con 'O lanzador de coitelos'

Fernando Castro gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Aniversario con 'O lanzador de coitelos'

O autor recoñeceu estar "moi feliz" por recibir un recoñecemento "desta categoría" tras un proceso creativo "longo, de moito esforzo"

Sobre a novela adiantou que o personaxe se enfronta a "experiencias traumáticas relacionadas coa segunda guerra mundial e campos de concentración"

Fernando Castro na conferencia de prensa tras gañar o premio Fernando Castro na conferencia de prensa tras gañar o premio
G24.gal 23/04/2025 12:17

A obra 'O lanzador de coitelos', escrita por Fernando Castro, resultou gañadora do Premio Galaxia de Novela 75 Aniversario.

O ditame do xurado deuse a coñecer este mércores en Vigo e, unha vez anunciado o nome do gañador, este incorporouse á conferencia de prensa en que se desvelou o resultado do premio.

Fernando Castro mostrouse "moi feliz" por recibir un recoñecemento "desta categoría". Afirmou que estre logro vén tras un "proceso" creativo "longo, de moito esforzo".

"É unha novela de forma e estrutura complexa, que trata sobre un personaxe un pouco misterioso, situado á marxe da lei, ao que se lle encarga a tarefa de vixiar e rematar a un personaxe público de grande importancia", explicou o autor.

Avanzou que "todo se acaba complicando porque o personaxe enfróntase a situacións do seu pasado que traen a primeiro plano experiencias traumáticas relacionadas coa segunda guerra mundial e campos de concentración".

O Premio Galaxia de Novela 75 Anos, que recuperou este ano a editorial galega, conmemorando o 75 aniversario da editorial, outorga ao gañador 25.000 euros. Pretende así recuperar o espírito de hai 50 anos, cando o escritor Carlos Casares gañaba con 'Xoguetes para un tempo prohibido' o premio convocado en 1975 para celebrar o 25 aniversario.

"É un premio histórico. Hai 50 anos que se creou e eu fago os 50; nacín no mesmo ano en que Carlos Casares gañou", lembrou o gañador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade