Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferida leve unha traballadora dun restaurante en Cabana de Bergantiños ao intentar apagar un incendio no almacén

Ferida leve unha traballadora dun restaurante en Cabana de Bergantiños ao intentar apagar un incendio no almacén

Ocorreu o domingo no lugar da Pedra, Nantón, arredor das once e media da mañá, e foi atendida polos servizos médicos por unha pequena queimadura e por inhalación de fume

Terán que pechar uns días, pois o incendio ocasionou estragos no almacén e afectou á mercadoría 

G24.gal 23/05/2022 14:23

Recuperar a normalidade. Isto é o que agardan o propietario e empregados dun restaurante na parroquia de Nantón, en Cabana de Bergantiños, despois de que o almacén, anexo ao local, ardera por mor dun curtocircuíto. O establecemento deberá estar pechado uns días. Tan só unha empregada tivo que ser atendida polo servizo médico dunha pequena queimadura e por inhalación de fume.

"Por sorte foi nun momento no que non había ninguén"

"Imos asimilando e agora os profesionais deben avaliar todo e día a día imos vendo os estragos que ocasionou" lamenta Félix Castiñeira propietario do restaurante situado no lugar da Pedra.

Intentando sobreporse ao susto que esta fin de semana levaron Félix e os oito empregados deste restaurante en Nantón, Cabana de Bergantiños. Un domingo como calquera outro en que estaban a preparar todo para o servizo de comidas no que ían atender medio cento de persoas.

"Tiñamos moitas reservas no comedor e por sorte foi nun momento no que non había ninguén no restaurante e non houbo consecuencias maiores", explica o propietario.

Si tivo que ser atendida unha empregada polos servizos médicos por unha pequena queimadura e por inhalación de fume. Tanto Félix como ela, alertados polo fume que entraba ao local, intentaron apagar as lapas pero sen éxito. Aos poucos minutos si o fixeron efectivos dos bombeiros de Carballo e do GES de Ponteceso.  

"Primeiro é a seguridade dos traballadores e dos clientes"

Hoxe o local segue pechado pero no almacén, onde se orixinaron as lapas, é un ir e vir constante de familiares e empregados intentando axudar nas tarefas de limpeza e poder volver á normalidade canto antes. O lume afectou toda a mercadoría e as perdas son cuantiosas, pois tamén quedou inservible o almacenado na cámara frigorífica e o conxelador. Isto fai que teña que pechar uns días.

"Primeiro é a seguridade", explica Félix Castiñeira, "temos que ter a certeza de que cando teñamos luz non haxa consecuencias porque primeiro é a seguridade dos traballadores e dos clientes", engade. 

Agardan que para esta fin de semana poidan recuperar a actividade normal e esquecer o que afortunadamente ao final quedou nun susto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade