Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo acusa a Sánchez de "frivolidade inaceptable"

Feijóo acusa a Sánchez de "frivolidade inaceptable"

"Ningún español pode abandonar e eludir as súas responsabilidades, e moito menos o que ostenta a presidencia do Goberno", di o presidente do PP

Alberto Núñez Feijóo en conferencia de prensa (EFE/Fernando Villar)
G24.gal 25/04/2024 13:07 Última actualización 25/04/2024 22:24

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, considerou unha "frivolidade inaceptable" que o presidente do Goberno tomara cinco días para reflexionar sobre unha posible dimisión, e dixo que é un insulto aos votantes.

"Dixo que toma cinco días para pensar en si mesmo e leva cinco anos pensando en si mesmo. Xa abonda. Ningún español pode abandonar e eludir as súas responsabilidades, e moito menos o que ostenta a presidencia do Goberno", dixo Feijóo en conferencia de prensa tras afirmar que en España ninguén está á marxe da lei.

O líder do PP acusou a Pedro Sánchez de impulsar unha "operación de supervivencia política" e montar un "espectáculo de adolescentes", pero avisouno que, aínda que agora conte co apoio dos independentistas, "ao final afundirase e farao en solitario".

"Como non pode gobernar por adhesión, pretende gobernar por compaixón. Non o permitamos", declarou Feijóo na comparecencia realizada desde a sede do PP e urxiu de novo a Sánchez a ofrecer explicacións de maneira inmediata ante os presuntos casos de corrupción que "afectan o seu partido, ao seu goberno e a súa contorna". "Debería facelo hai semanas e as súas respostas non chegaron. Por algo será", resaltou.

Tras lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos cidadáns, Feijóo dixo que a presentación de cuestión de confianza é un paso que pode aforrar. "Fará o que máis lle conveña. Na miña opinión, pode aforrar", dixo, para engadir que o presidente "máis débil" da democracia.

Ante a pregunta de Sánchez acerca de se merece a pena seguir no seu cargo tras a investigación xudicial á súa muller, que o socialista considera un ataque baseado en "feitos inexistentes", Feijóo replicoulle que ser presidente do Goberno "merece a pena, só que non a calquera prezo nin de calquera xeito".

Feijóo acusou a Sánchez de "intimidar" aos xuíces, cualificoulle de "portavoz do lobby do lawfare indistinguible dos seus socios" e denunciou que o presidente rehabilitou as acusacións de "supostos fachas con toga para amedrentar a xustiza oficialmente a ollos de todo o mundo".

E advertiulle que se equivoca ou de país ou de momento porque en España "ninguén está á marxe da lei", nin tampouco hai "dúas Españas enfrontadas", senón unicamente un presidente enfrontado á realidade, a verdade, a xustiza, a prensa libre, o pluralismo político e "a toda a estrutura institucional que fai de España unha democracia plena".

Alfonso Rueda: "Dá a sensación de que responde a unha planificación, a un interese persoal"

En Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, critica a parada institucional que anunciou o presidente Sánchez.

Alfonso Rueda asegura que España non pode estar sen presidente do Goberno. E cre que en vez de reflexionar, Sánchez debería dar explicacións sobre a investigación xudicial á súa muller.

Rueda asegurou que a decisión do presidente do Goberno de tomarse uns días de reflexión sobre o seu futuro "dá a sensación de que responde a unha planificación, a un interese persoal de Pedro Sánchez, como sempre".

En declaracións aos medios en Santiago, tras asistir á toma de posesión de varios altos cargos do seu Goberno, Rueda afirmou que lle "parece incrible", "aínda o estamos asimilando", engadiu, tras asegurar que "nin España nin Galicia merecen isto".

"Que o presidente dun Goberno, dunha nación decida e anuncie que se vai tomar cinco días de reflexión, de desaparecer, e despois dicirnos a todos o que vai facer co seu futuro non me parece serio en absoluto", incidiu Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade