Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo cualifica de “terrorismo" os incendios e pide ao Goberno que solicite xa axuda á UE

Feijóo cualifica de “terrorismo" os incendios e pide ao Goberno que solicite xa axuda á UE

O líder do PP reclama medios aéreos europeos e critica a xestión do Executivo central

Advirte de que non hai previsión de chuvia e que o combustible forestal agrava a situación

G24.gal 13/08/2025 21:56 Última actualización 13/08/2025 22:02

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, reclamou ao Goberno que pida de inmediato axuda á Unión Europea para a extinción dos incendios que afectan a varias zonas do país, e que el cualificou como “actividade de terrorismo incendiario”.

Nunha visita ao posto de mando avanzado de Chandrexa de Queixa, en Ourense, Feijóo insistiu en que “debemos pedir xa, xa, medios aéreos á UE” e reprochou ao Executivo non ter solicitado hai dez días a máxima colaboración cidadá nin medios adicionais ás institucións comunitarias.

O líder popular pediu á cidadanía que avise a Policía ou á Garda Civil ante calquera actividade sospeitosa, como motos circulando de madrugada ou coches en pistas forestais. Solicitou tamén o apoio das forzas e corpos de seguridade para detectar e deter incendiarios.

Críticas á coordinación estatal

Feijóo acusou o Goberno de dificultar a loita contra os incendios ao deixar toda a responsabilidade nas comunidades autónomas e na Unidade Militar de Emerxencias.

“Se o Ministerio do Interior, o de Medio Ambiente e o de Defensa fan o seu traballo, todo é máis doado”, afirmou, ao tempo que expresou o seu “orgullo” pola actuación autonómica e da UME.

Mostrou a súa solidariedade coas vítimas mortais dos incendios en Madrid e en Castela e León, cos feridos e coas persoas que perderon patrimonio, vivendas ou negocios.

Sen nomealo, criticou o ministro de Transportes, Óscar Puente, polas súas declaracións en redes sociais sobre o presidente castelán-leonés, Alfonso Fernández Mañueco, e censurou que “a maioría do Goberno estea de vacacións”.

Feijóo afirmou non ser optimista sobre a evolución dos incendios, xa que “nos próximos días non hai previsión de chuvia” nas comunidades máis afectadas e persiste unha gran cantidade de combustible forestal.

Compareceu acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e dixo ter contactado tamén cos responsables de Andalucía, Estremadura, Asturias e Castela e León.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade