Feijóo avanza que o protocolo para o Entroido será máis laxo ca o do Nadal
O presidente da Xunta insiste en non dar por rematada a pandemia e en seguir progresando na vacinación
Núñez Feijóo tamén pon o foco na situación económica e laboral xerada pola covid–19
O titular da Xunta defende a necesidade de manter o certificado COVID
Ante a evolución da pandemia en Galicia, o presidente da Xunta insiste na importancia de manter o certificado COVID, de avanzar na vacinación e de atender a situación económica e laboral.
Núñez Feijóo tamén adiantou que o protocolo en que traballa a Xunta con vista ás celebracións do Entroido será máis flexible ca o do Nadal, especialmente no exterior.
O 99 % dos contaxiados pola covid–19 en Galicia están a pasar a enfermidade nos seus domicilios.
Aínda que a situación sanitaria semelle estar baixo un certo control, o presidente da Xunta insiste en non dar por rematada a pandemia, en seguir progresando na vacinación e en poñer tamén o foco na situación económica e laboral xerada pola covid–19.
"Hai moitas máis baixas laborais nesta sexta vaga que nas anteriores, e por tanto aínda que o tema sanitario estea nunha situación de certo control a situación laboral e económica é de preocupación porque ter 5.000, 6.000, 7.000 baixas diarias, unhas 100 mil baixas diarias en España, non hai economía que o resista", asegura Feijóo.
E ante unha pandemia que non rematou, Núñez Feijoó apela a non baixar a garda. Desmárcase das comunidades autónomas que cren que o certificado COVID xa non é útil.
"Mentres a pandemia non finalice levar a acreditación de que esta persoa está vacinada parece razoable desde o punto de vista da saúde pública", di o presidente da Xunta.
Con vistas ao Entroido, o titular da Xunta espera que os contaxios diminúan e que sexa diferente ao Nadal. Traballan xa nun protocolo, con medidas máis flexibles, que permita máis interaccións sociais.
"No mes de marzo a temperatura será mellor, poderanse facer máis actividades nos exteriores, menos nos interiores, e por tanto ese protocolo que imos propoñer e no que traballan será un protocolo máis laxo, que permitirá máis interacción, sobre todo no exterior", avanzou Núñez Feijóo.