Publicador de contidos

Publicador de contidos

Familias do Pitanxo rexeitan a mediación do Goberno e pactarán reunirse co Canadá

Familias do Pitanxo rexeitan a mediación do Goberno e pactarán reunirse co Canadá

O colectivo xestionará a través da embaixada do Canadá un encontro para tratar coas autoridades de salvamento do país norteamericano

"Temos máis garantías por parte da embaixada", di a voceira das familias

Fanse catro meses do afundimento en Terra Nova

Imaxe de arquivo do Villa de Pitanxo Imaxe de arquivo do Villa de Pitanxo
G24.gal 15/06/2022 11:30

Familiares dos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, que afundiu o 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terra Nova, no Canadá, rexeitaron este mércores a mediación da Delegación do Goberno en Galicia. Isto supón que non acudirán á reunión coas autoridades de Salvamento Marítimo do Canadá que esta institución pactou para o próximo 29 de xuño.  

Así o anunciou a portavoz das familias e filla dunha das vítimas, María José de Pazo, quen criticou unha vez máis a "falta de comunicación e a falta de respecto" que, ao seu xuízo, ten a Delegación do Goberno coas familias, xa que estableceu a data do encontro de forma "unilateral".  

Ela explicou que logo de meses de espera, xa que os familiares do Perú mantiveron unha reunión coas autoridades canadenses en Lima o pasado 4 de abril, a intención é que vaian "todas as familias posibles", polo que é necesario unha data consensuada.

Ademais, indicou que como a Delegación non realizaba a xestión, foron as propias familias directamente a falar coa embaixada do Canadá en España quen lles propuxo un encontro nas súas instalacións e mesmo lles ofreceu un tradutor especialista en mar para así poder trasladar as súas dúbidas. Por iso, emprazáronos a acordar unha data en que as familias puidesen.  

"Temos máis garantías por parte da embaixada e máis comunicación da que se mostrou ata agora co Delegado do Goberno. Imos seguir coa vía da embaixada que é a que fixo xestións e atendeunos e ten maior rigor e seriedade á hora de traballar", reivindicou De Pazo.  

Ante todo isto, subliñou que as familias non asistirán á reunión exposta para o día 29 de xuño e insistiu en que se este encontro faise "despois de esperar tanto", que se faga "de forma seria e con rigor" xa que "non son convidados de pedra". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos