Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece unha muller no incendio da súa vivenda en Ourense

Falece unha muller no incendio da súa vivenda en Ourense

Foi un particular o que alertou o 112 tras escoitar un estoupido

A ventá por onde entraron os bombeiros
G24.gal 13/12/2022 08:23 Última actualización 13/12/2022 14:23

Unha muller de 57 anos faleceu tras declararse un incendio na súa vivenda en Ourense. Foi un veciño o que alertou o 112 contra as 3:40 horas deste martes. Manifestou que escoitara un estoupido e que vía fume nun edificio de catro andares da rúa Nuño de Ousende.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Ourense, a Policía Nacional, a Policía Local e os servizos sanitarios, que certificaron a morte da muller, que estaba soa no inmoble no momento do suceso.

Os bombeiros accederon á vivenda afectada por unha fiestra e atoparon o corpo da muller sen vida. José Benito Álvarez, oficial do parque de Bombeiros de Ourense, explicaba que na actuación se dividiron en dous equipos, un buscando a orixe do lume e outro tratando de localizar posibles vítimas, como finalmente así foi.

Amancio Rodríguez, Cabo dos Bombeiros de Ourense: "Supoñemos que a persoa intentou buscar unha saída, pero había tal cantidade de fume que se desorientou e, en vez de atopar a porta de saída, entrou noutro cuarto e alí caeu e xa non se puido recuperar".

Foi, segundo os bombeiros, unha explosión de fume.

"Había moito fume pero poucas lapas. A persoa, ao darse conta do que estaba pasando, abriu a porta e achegoulle osíxeno ao fume. Iso foi o que provocou a explosión", sinala o cabo dos bombeiros.

O lume só afectou o cuarto. Descoñécese polo momento como se iniciou. No edificio, de catro andares, hai doce veciños. Algúns nin se decataron do sucedido. Non foi preciso desaloxar.

Terceira vítima mortal

Mari Carmen é a terceira vítima mortal en Ourense no último mes, en circunstancias semellantes. O 14 de novembro, unha muller de 93 anos falecía por unha explosión de butano na súa casa de Trasmiras e, uns días despois, outra anciá, de 91 anos, morría nun incendio na súa vivenda en Petín.

A muller falecida foi localizada nunha habitación próxima ao cuarto no que se orixinou o lume. Os bombeiros sospeitan que tratando de fuxir quedou desorientada polo fume, e finalmente esvaeceuse. As forzas de seguridade investigan o acontecido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade