Publicador de contidos

Expresidentes e empresarios iberoamericanos debaten en Santiago sobre o mundo da pandemia

Expresidentes e empresarios iberoamericanos debaten en Santiago sobre o mundo da pandemia

Carlos Slim e Felipe González defenden unha renda mínima que asegure que a xente "busque traballo"

Feijóo eloxia a González e critica presidentes que "coñecen con dificultade o que ocorreu antes" do seu mandato

Debate entre Felipe González, Julio María Sanguinetti, Alberto Núñez Feijóo, Carlos Slim e Ricardo Lagos
G24.gal 30/11/2021 14:47

O magante mexicano Carlos Slim di que Europa está quedando atrás da China e dos Estados Unidos, que o novo paradigma económico require Internet de balde para todos, renda universal mínima e xubilacións aos 75 anos de idade. Afirmouno durante a súa intervención no plenario da Fundación Círculo de Montevideo, que se celebra hoxe e mañá en Santiago de Compostela.

"Traballar tres días once horas diarias ou doce, ter catro días libre en que se crearían novas actividades, xubilarse aos 75 anos e unha renda básica que sexa suficiente para vivir e insuficiente para volver a xente frouxa, que non busque traballo", afirma o empresario.

RESPECTO ÁS REGRAS DE XOGO

O expresidente do Goberno de España Felipe González coincide con Slim en que a renda básica debe ser pouca para que a xente busque traballo ou a desigualdade irá a máis. Avisa González que os amos da nova economía non pagan pola materia prima: os nosos datos. Tamén advirte o socialista que violar as regras do xogo democrático é o mesmo que romper a convivencia.

"Cando alguén cre que desbordar as regras do xogo legalmente establecidas é un exercicio de liberdade, cousa bastante frecuente, o fundamento da convivencia rompe", segundo el.

Feijóo gaba a González

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou o expresidente do Goberno sen matices. "Para min hai unha enorme diferenza entre o seu exercicio político e o que actualmente está proliferando tristemente en moitos gobernos do mundo. Se antes nos gobernaba a responsabilidade que antepón o interese xeral e o longo prazo; agora a frivolidade que se preocupa polo interese persoal e o rédito inmediato", dixo.

Feijóo bota tamén contra a actual xeración de políticos españois e defende a boa gobernanza e a política do acordo. 

"Debemos saber que non é bo mesturarse co populismo porque ao final intoxica e contaxia todo e que a democracia hai que defendela", asegura o xefe do Goberno galego.

A Fundación Círculo de Montevideo ten 25 anos de vida. Fórmana exmandatarios iberoamericanos. Con este leva dous plenos celebrados en Santiago de Compostela. O anterior fora no ano 2001.

Publicidade
Publicidade
Publicidade