Expertos en economía, política e sociedade analizan os desafíos globais no 'Vigo Global Summit'
O expresidente da Comisión Europea José Manuel Durão Barroso, o Premio Nóbel Dmitry Muratov ou a deportista Carolina Marín, entre os primeiros participantes
Vigo convértese durante estes días na capital atlántica do pensamento económico. Unha vintena de referentes internacionais do mundo da economía, da empresa, do xornalismo e do deporte participan no 'Vigo Global Summit 2025'.
Coinciden os expertos na gran transformación global á que nos enfrontamos. Algúns falan da cuarta revolución e dunha aceleración de vertixe, que nos obriga a avaliar todo o que damos por sentado.
"A cada minuto se producen noticias que desbordan a nosa capacidade de asombrarnos: as novas tecnoloxías, os usos e aplicacións da intelixencia artificial, as incesantes novidades procedentes dos universos da ciencia...", asegurou Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca
Afirman que a intelixencia artificial transformará a economía e preocupa a situación xeopolítica de Europa.
"Estamos a perder competitividade en relación os americanos e os chineses, e iso está claro, porque Europa precisa avanzar", afirmou o expresidente da Comisión Europea José Manuel Durão Barroso
O portugués avogou por unificar o mercado de capitais na Unión Europea (UE) e por investir en defensa para frear a ameaza rusa tras a invasión militar dunha parte de Ucraína.
Europa atravesa a "crise máis profunda" desde a chamada 'guerra fría' nun mundo actualmente moi polarizado e fragmentado", sinalou Barroso na súa intervención.
O colofón a esta xornada veu da man da da campioa olímpica Carolina Marín, como exemplo de superación para afrontar os novos desafíos globais da actualidade.
"Un dos obxectivos desta ponencia é que, a través da miña experiencia de vida, do que a min me supuxo o deporte, lles poda ser útil para as súas vidas", asegurou a deportista
Durante esta xornada, o premio nobel da paz 2021 Dmitry Muratov manifestou a súa preocupación polas informacións falsas nas redes e dixo que serán os enxeñeiros especializados en datos os terán que defender a liberdade de expresión e o dereito a non ser manipulados.