Expertos en augas residuais estudan como eliminar contaminantes resistentes
Restos de antibióticos, bacterias resistentes, microplásticos ou químicos que poden afectar o noso equilbrio hormonal están presentes nas augas residuais
Sen ningún tipo de alarmismo porque, por exemplo, os disruptores hormonais teñen un efecto acumulativo e, polo tanto, habería que tomar unha cantidade enorme de auga para sentir efectos nocivos sobre a saúde. Mesmo así, os expertos internacionais do Congreso Micropol, que este ano se celebra en Galicia, consideran que chegou o momento de tomar medidas.
O que propoñen inicialmente é ir a un modelo de depuradoras máis pequeno onde sexa máis doado detectar e eliminar este tipo de residuos. Este grupo de investigadores, chegados de 41 países, fixeron unha visita técnica á depuradora do Lagares, en Vigo. É un modelo con todos os depósitos cubertos, con menos impacto e máis eficiente na reciclaxe en biogás.
Os especialistas en enxeñería química apuntaron o seguinte paso canto a depuración de augas: depuradoras que eliminen químicos dificilmente biodegradables como antibióticos, e bacterias resistentes a eles que, se proliferan, poderían provocar no futuro problema para o tratamento de moitas enfermidades.
A nova normativa, máis esixente, está a chegar e incluirá tamén a eliminación de produtos de limpeza ou cosméticos de uso común que poden provocar problemas hormonais ou de fertilidade.
Por iso, propoñen depuradoras máis pequenas, especializadas e a carón da fonte de contaminación, por exemplo, os hospitais. A proposta é tamén ser máis esixentes coa detección e eliminación dos microplásticos, que tantos problemas causan na cadea trófica.