Publicador de contidos

Publicador de contidos

Evacúan vivendas en Portugal por mor dos incendios, con tres bombeiros feridos graves

Evacúan vivendas en Portugal por mor dos incendios, con tres bombeiros feridos graves

Para este xoves prevese unha baixada das temperaturas que se agarda que poida facilitar os traballos de extinción

G24.gal 20/08/2026 08:16

Tres bombeiros resultaron feridos de gravidade e varias vivendas foron evacuadas este mércores en Portugal no marco do combate contra catro grandes incendios rurais activos que afectan o norte e centro do país, informou a EFE unha fonte do Comando Nacional de Emerxencia e Protección Civil luso.

O oficial de Operacións do Comando Pedro Araújo explicou que estes incendios atópanse nas localidades de Boticas (distrito de Vila Real), Arouca (Aveiro), Torre de Moncorvo (Bragança) e Alixou (Vila Real) e, segundo os seus datos, entre os catro consumiron "varios miles de hectáreas".

Ao peche da tarde de hoxe, entre os catro mantiñan no terreo a 1.338 bombeiros, 435 vehículos e 17 aeronaves.

Este mércores durante os labores de extinción do lume en Arouca, un vehículo de bombeiros saíuse da estrada e caeu por unha cuneta, o que provocou feridas graves a tres bombeiros e leves a outro.

Doutra banda, rexistrouse un ferido leve en Torre de Moncorvo e outros dous, en Boticas.

Sen dar números, Araújo engadiu que varias vivendas foron evacuadas "de forma preventiva" por mor destes catro incendios, e non se descarta evacuar a máis persoas.

Os incendios que "máis preocupan" son o de Boticas e o de Alijó por ter máis vivendas na súa liña de propagación.

Segundo este responsable, as condicións meteorolóxicas "empezarán a ser máis favorables" este xoves, xa que se espera un descenso xeneralizado das temperaturas no país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade