Publicador de contidos
Publicador de contidos

Doce concellos pendentes da súa constitución contan xa con novas corporacións

Doce concellos pendentes da súa constitución contan xa con novas corporacións

Noia, Muros, Ribeira, Porto do Son, Outes, Mazaricos, Corcubión, Lousame, Boiro e Celanova celebraron plenos de investidura

G24.gal 07/07/2023 12:35

Varios concellos galegos celebraron este venres os plenos para constituír as novas corporacións e investir os novos alcaldes e alcaldesas.

Luís Pérez, do Bloque Nacionalista Galego, é dende este venres o novo alcalde do municipio coruñés de Ribeira, onde os nacionalistas compartirán o goberno con Partido Barbanza Independente e o PSOE. Os votos das tres forzas políticas suman once dos 21 edís da corporación.

Pérez releva ao popular Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira desde 2011 e candidato ao Senado polo PP o 23 de xullo que deu un paso á beira para tratar de favorecer o entendemento cos independentes do Partido Barbanza Independente, formado por exmilitantes do PP.

A Pobra do Caramiñal terá un cuadripartito con Nós Pobra, PSdeG, BNG e Veciños independentes por Pobra, escisión do PP. José Carlos Vidal, número tres da lista de Nós Pobra, será o alcalde.

Xosé Lois Piñeiro e a seguinte da lista renunciaron durante o pleno como candidatos á investidura, condición que se puxo sobre a mesa para pechar o pacto.

En Muros, María Lago, do BNG, é desde este venres a nova alcaldesa. Gobernará en coalición co PSdeG que ocupará a primeira tenencia de alcaldía. Lago releva a Inés Monteagudo, do PP que foi a forza máis votada. A nova alcaldesa agradecía, durante o pleno, a súa elección e marcaba o rumbo do seu mandato. 

En Noia, o PP, o partido máis votado, mantén a alcaldía tras un acordo de última hora cos independentes do NOIA. O alcalde, o popular Santiago Freire, di que o acordo de goberno é similar ó do anterior mandato. 

En Mazaricos gobernará o BNG. Os nacionalistas tamén gobernarán en solitario con catro concelleiros de 9 en Corcubión. En Porto do Son, o PP.

En Outes, Manuel González, da formación Compromiso por Outes, foi reelixido como alcalde do municipio, onde compartirá goberno con PSOE e BNG.

En Ourense, constituíronse as corporacións municipais de Celanova e Carballeda de Valdeorras. Antonio Puga afronta o segundo mandato en Celanova. Esta mañá, resultou investido alcalde cos votos da súa formación, Celanova Decide, en minoría, e os do PSdeG-PSOE e BNG.

O grupo do alcalde e os socialistas renovarán o pacto de goberno dos últimos catro anos.

Antonio Puga anunciou, tralo pleno, a interposición de dous recursos ante o TC polo erro no reconto de votos na noite electoral, que lle outorgou ó PP un concelleiro máis en detrimento de Celanova Decide. Hoxe, xa non tomou posesión a número seis da lista dos populares.

En Carballeda de Valdeorras, outro recurso atrasou ata hoxe a constitución da corporación. María Carmen González, do PP, suma outro mandato e acumula trinta e catro anos á fronte da alcaldía. Con maioría absoluta, anuncia unha xestión continuísta.

Castro Caldelas é única corporación pendente de renovación na provincia de Ourense. Alí, a xunta electoral central aínda non fixou a data das novas eleccións. Teñen que repetilas por presuntas irregularidades no voto por correo.

A alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Vega, seguía sen noticias esta mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade